A rendición de contas, ademais dun compromiso cos valores de transparencia e bo goberno, é unha obriga legal de todas as entidades que administran recursos públicos. Implica o deber de informar, xustificar e explica as decisións, funcións e uso dos fondos asignados, así como os resultados obtidos.
A memoria de actividades recolle unha exposición ordenada e detallada do conxunto de accións e programas realizados durante o ano. Estes documentos, elaborados ao final cada exercicio, permiten analizar o desenvolvemento das liñas de actuación recollidas no Plan Estratéxico de Dano Cerebral Galicia. Ademais de información cualitativa e cuantitativa sobre as principais accións realizadas, a memoria inclúe unha radiografía do estado dos recursos materiais e humanos, a repercusión mediática do traballo desenvolto e un breve resumo das contas anuais.
O documento das contas anuais recolle o estado do patrimonio, situación financeira e resultados de cada exercicio económico. Esta publicación é sometida anualmente a unha auditoría externa, dispoñible nun informe independente.
A contabilidade ou monetización do valor social é unha metodoloxía que permite identificar, medir e valorar monetariamente os impactos ou cambios que xera o investimento en recursos e servizos dunha organización. A través da análise dos principais servizos e programas de atención ao dano cerebral adquirido ofrecidos pola Federación aos distintos grupos de interese cos que intervén, é posible coñecer o retorno social e económico do investimento realizado.
Este estudo comezou a desenvolverse en outubro de 2018 coa creación dun equipo mixto conformado por Emilio Ruzo Sanmartín e Alejandro Pan Regueiro, como coordinación do grupo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela, e polo equipo de Dano Cerebral Galicia, formado por Begoña Hermida (directora) e Adolfo González (responsable de xestión económica e administración). Desde entón, realízase anualmente un informe. Entre 2018 e 2022 avaliouse o valor social xerado pola Federación e polas cinco entidades federadas e en 2023 unicamente se analizou o valor de Dano Cerebral Galicia.