Dano Cerebral Galicia é a entidade que, desde 2007, defende os dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias en Galicia. Somos unha federación integrada polas cinco asociacións de dano cerebral adquirido do noso país, presentes nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.
Dano Cerebral Galicia é unha organización non gobernamental, privada, independente, apartidista e aconfesional comprometida coa defensa dos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias. Constituímonos en 2007 a partir da unión de ADACECO (A Coruña), ADACE (Lugo), Alento (Vigo) DCA-Ourense e Sarela (Santiago). Desde 2013 contamos coa declaración de Asociación de Utilidade Pública e aglutinamos a máis de 2.000 persoas socias.
A misión de Dano Cerebral Galicia, é dicir, a nosa función, é ser a entidade social que une, dinamiza e representa o movemento asociativo do dano cerebral en Galicia. Nese rol, o noso obxectivo é desenvolver a acción social, institucional e técnica precisa para acadar a autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral e das súas familias.
En base a este propósito, representamos a un movemento asociativo consolidado, forte e cohesionado que traballa para visibilizar o dano cerebral adquirido e situalo na axenda social de Galicia. Así, desde a Federación pretendemos sensibilizar á sociedade sobre o dano cerebral adquirido e contribuír a resolver os retos de rehabilitación e inclusión social do colectivo a través da implicación das institucións e de todas aquelas iniciativas que se dirixan a este fin.
Por tanto, a visión da Federación é seguir a mellorar o coñecemento do conxunto da sociedade sobre o dano cerebral, achegar un óptimo acceso aos recursos ás persoas con dano cerebral e ás súas familias e facilitarlles o pleno exercicio dos seus dereitos de cidadanía.
Ademais da representación das asociacións federadas, traballando a prol da cohesion asociativa e o fortalecemento institucional, desenvolvemos actividades, servizos e proxectos propios centrados en distintas liñas de acción, entre as que destacan:
- Información e sensibilización.
- Formación e capacitación.
- Investigación e divulgación do coñecemento.
- Asesoramento xurídico.
- Incidencia política e defensa de dereitos.
- Servizos sociosanitarios de proximidade.
- Ocio inclusivo.
Nos últimos anos e, especialmente, no último lustro, a Federación ampliou significativamente as súas liñas de actuación ao tempo que as cinco asociacións aumentaron de forma importante a súa dimensión para poder dar resposta á elevada demanda de apoio e atención.
Desde 2018 asistimos a un notable aumento tanto do número de persoas socias (pasando de 1734 en 2018 a 2229 en 2023) como de profesionais no cadro de persoal das asociacións e da Federación (pasando de 62 en 2018 a 160 en 2023).