A forma xurídica da Federación establece como órganos de goberno a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno e representación de Dano Cerebral Galicia. Está composta polos presidentes e presidentas das cinco asociacións federadas e polos membros da Xunta Directiva da Federación.
As súas reunións poden ser ordinarias ou extraordinarias. As asembleas xerais de carácter ordinario celébranse unha vez ao ano dentro dos catro meses seguintes ao peche do exercicio previo natural. As asembleas xerais de carácter extraordinario celébranse cando o estime oportuno a Xunta Directiva ou a petición dun número de socias e socios non inferior a unha terceira parte do número total das socias e socios de número da Federación.
As funcións da Asemblea Xeral Ordinaria inclúen, entre outras, o exame e aprobación da memoria de actividades e de contas do exercicio anterior, a planificación operativa e económica, así como fixar as cotas das socias e socios da Federación. A Asemblea Xeral Extraordinaria ten entre as súas competencias a creación, nomeamento e cesamento da Xunta Directiva e das persoas integrantes da mesma, a aprobación das modificacións dos estatutos, e a aprobación e modificación do Regulamento de Réxime Interno.
A Xunta Directiva é órgano de xestión e administración de Dano Cerebral Galicia. Ten a obriga de executar os acordos da Asemblea Xeral e está composta por unha persoa representante de cada unha das cinco asociacións federadas. Todas as persoas que a integran deberán ser, no momento do seu nomeamento, membros en activo das Xuntas Directivas de cadansúa entidade.
A Xunta Directiva reúnese sempre que a convoque a Presidencia ou o solicite un terzo dos seus membros e debe reunirse, cando menos, dúas veces ao ano.
As súas funcións de xestión e administración inclúen a formulación, para posterior sometemento a aprobación na Asemblea, dos balances e contas anuais, así como da memoria, programación operativa e planificación económica de cada exercicio.
A actual Xunta Directiva foi designada na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o 19 de setembro de 2020. Coñece as persoas que a integran.
Luciano Fernández Pintor
Empregado público e pai dunha persoa con dano cerebral adquirido, preside Dano Cerebral Galicia desde 2016. É integrante da Xunta Directiva de Dano Cerebral Santiago de Compostela, onde ocupa a secretaría.
Laura Abeledo Lameiro
Completou o ensino secundario e é filla dunha persoa con dano cerebral adquirido. Forma parte da Xunta Directiva de ADACE Lugo, onde ocupa unha das dúas vogalías.
Mario González Granja
Enxeñeiro Industrial, deseña e produce contidos e produtos dixitais. É fillo dunha persona con dano cerebral adquirido e integrante da Xunta Directiva de Alento, onde ocupa unha das dúas vogalías.
Berta Delfina Feijoo Ferreiro
Licenciada en Dereito, é profesora e nai dunha persoa con dano cerebral adquirido. Forma parte da Xunta Directiva de DCA Ourense, onde ocupa unha das dúas vogalías.
Manuela Candal Garaboa
Profesora xubilada, é parella dunha persoa con dano cerebral adquirido. Forma parte da Xunta Directiva de ADACECO, onde ocupa unha das dúas vogalías.