O testamento solidario é un sinxelo instrumento para transformar a túa xenerosidade nunha doazón de impacto colectivo. Consiste en incluír a unha ou varias entidades sen ánimo de lucro como beneficiarias da túa herdanza, convertendo un xesto no presente nun investimento para un mellor futuro. Calquera que sexa o teu legado deixará pegada en nós. A continuación, resolvemos as principais dúbidas que che poden xurdir sobre este proceso.
As ONG como Dano Cerebral Galicia non estamos suxeitas ao Imposto de Sucesións, polo que a túa doazón destinarase integramente a que cumpramos coa nosa principal misión: a defensa de dereitos e a atención integral das persoas con dano cerebral adquirido as súas familias.
Ao incluír a Federación no teu testamento solidario estarás a contribuír directamente á mellora da calidade de vida das máis de 2.200 persoas que forman parte do noso movemento asociativo. Ademais, tamén estarás a axudarnos a que poidamos seguir desenvolvendo actividades informativas e de prevención dirixidas a todo tipo de colectivos da poboación. Coa túa achega, gañamos todas!
En ningún caso. De feito, a única limitación legal do testamento solidario é respectar a herdanza lexítima, destinada ás denominadas herdeiras e/ou herdeiros forzosos.
Deste xeito, sempre hai unha parte da herdanza que lle corresponde a estas herdeiras lexítimas e outra parte que é de libre disposición e que, por tanto, pode recibila calquera persoa ou entidade sen ánimo de lucro.
En función das túas circunstancias e desexos, hai varias posibilidades para incluír a Dano Cerebral Galicia no teu testamento:
- Herdeira universal: en caso de que non teñas herdeiras ou herdeiros forzosos, podes designar a Dano Cerebral Galicia como herdeira universal. Recibiremos todos os teus bens, dereitos e accións.
- Co-herdeira: podes incluírnos no teu testamento xunto a outras entidades ou persoas, asignando a porcentaxe que desexes a cada unha das partes.
- Legado: podes deixarnos un ben concreto, como diñeiro ou propiedades.
Para apoiar a Dano Cerebral Galicia a través do testamento solidario non é necesario que contes cun gran patrimonio. Calquera contribución, xa sexa en forma de fondos ou de bens, é valiosa e ten impacto no financiamento das accións que realizamos para mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido. A túa achega pode ser de varios tipos:
- Herdanza: unha parte do teu patrimonio, diñeiro ou accións.
- Legado: un ben concreto, xa sexa inmoble (edificios, casas, locais comerciais, garaxes…) ou moble (obras de arte, automóbiles, xoias ou outros obxectos de valor).
Con independencia do que decidas incluír no testamento, conta co noso firme compromiso para garantir que se cumpre a túa vontade.
O primeiro paso é elaborar un testamento que respecte os teus desexos e os dereitos dos teus herdeiros e herdeiras. Debes acudir a unha notaría para que o redacten e poidas asegurarte de que a túa vontade se cumprirá fielmente no futuro. É un procedemento sinxelo, rápido e económico.
Se xa tes feito o teu testamento e queres incluír a Dano Cerebral Galicia, será necesario que o modifiques, incluíndo expresamente a vontade de deixar a herdanza ou determinados bens a favor da Federación. O último testamento que fagas será o que teña vixencia.
En ambos casos, deberás incluír os datos de Dano Cerebral Galicia, polo que é preciso que nos contactes. Chámanos ao 881 943 148 ou escríbenos a través do formulario de contacto e asesorarémoste en todo o que precises para realizar o proceso.