As cinco asociacións de Dano Cerebral Galicia ofrecen actividades lúdicas, culturais e deportivas destinadas a fomentar as relacións interpersoais e a participación no eido comunitario. O programa inclúe os apoios necesarios para que as persoas con dano cerebral poidan gozar do seu tempo de lecer de forma autónoma e plena.
O programa de ocio das asociacións de Dano Cerebral Galicia insírese no modelo de rehabilitación integral desde unha perspectiva social. O seu obxectivo é favorecer a mellora e/ou mantemento das habilidades e capacidades adquiridas a través de actividades lúdicas que fomenten a inclusión social.
As actividades céntranse fundamentalmente en saídas a espazos naturais, excursións a monumentos e elementos patrimonais, e visitas a equipamentos socioculturais (monumentos, museos, bibliotecas, cine...) e deportivos (participación en torneos, asistencia a partidos...) da contorna comunitaria.
Ademais, tamén se poden desenvolver accións nos propios centros (como concertos, celebración de festas locais e tradicionais...) orientadas a crear un espazo de colaboración e socialización.
O servizo préstase a través dun equipo multidisciplinar encabezado por profesionais de educación social e traballo social.