As cinco asociacións de Dano Cerebral Galicia ofrecen un servizo de información, orientación e apoio para as familias de persoas con dano cerebral adquirido. O obxectivo do recurso é solucionar as principais dúbidas cando unha persoa se atope en fase aguda e subaguda, así como a asesorar sobre a atención, trámites e recursos dunha persoa en fase crónica.
O servizo de información, orientación e apoio a familias nas seguintes materias:
- Sensibilización e prevención do dano cerebral adquirido.
- Servizos e programas para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido.
- Dereitos e axudas para persoas con dano cerebral adquirido, como a valoración de dependencia, a solicitude do certificado de discapacidade, prestacións económicas etc.
- Pautas e orientación para a atención de persoas con dano cerebral adquirido, a través de sesións individuais e grupais.
- Redución da sobrecarga das persoas coidadoras a través de saídas temporais de curta ou longa duración coas persoas con dano cerebral adquirido.
Ademais, tamén se ofrece atención psicolóxica (con apoio individualizado, terapia de grupo, encontros para familiares e/ou grupos de apoio informal) e actividades formativas.
O servizo préstase a través de diferentes vías. En primeiro lugar, as asociacións ofrecen no seu centro atención individualizada ou grupal a familias a través do equipo de traballo social e psicoloxía. En segundo lugar, as entidades organizan periodicamente actividades comunitarias, dirixidas a familias e público xeral, como charlas, xornadas ou mesas informativas, para sensibilizar sobre a realidade do dano cerebral adquirido e a prevención das súas causas. Finalmente, varias asociacións manteñen puntos informativos fóra dos seus centros para facilitar o acceso de novas familias con dano cerebral adquirido.
O servizo préstase a través do equipo de profesionais de traballo social das cinco asociacións.