A asociación Alento ofrece nas instalacións do seu centro en Vigo unha residencia con atención a tempo completo os 365 días do ano. Está destinada a persoas con dano cerebral adquirido en fase crónica e, habitualmente, en situación de gran dependencia, que non poden residir no seu domicilio por diferentes circunstancias. O obxectivo do servizo é dotar dunha solución habitacional con atención especializada para mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias.
O servizo de atención terapéutica residencial inclúe tratamentos especializados e aloxamento. As instalacións son accesibles e están adaptadas ás necesidades das persoas con dano cerebral adquirido. Contan con cuartos individuais e dobres con baño, comedor e un espazo de convivencia e estar.
O servizo dispón de 29 prazas, das que 21 están concertadas coa Xunta de Galicia e 8 están pendentes de concertación. A vía de acceso é exclusivamente mediante praza pública.
O servizo préstase a través dun equipo multidisciplinar de profesionais dos ámbitos da fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia e psicoloxía/neuropsicoloxía, que contan con supervisión médica e de enfermaría. As persoas que conforman estes equipos traballan de maneira coordinada para favorecer a recuperación das funcións afectadas polo dano cerebral e potenciar as preservadas.