As cinco asociacións de Dano Cerebral Galicia ofrecen un servizo de atención integral e especializada nos seus centros de día. Trátase dun recurso específico para persoas maiores de 16 anos con dano cerebral adquirido en fase crónica ou de estabilización que tenta responder ás diferentes necesidades da persoa usuaria e da súa familia. O seu obxectivo é fortalecer a calidade de vida a través da mellora e/ou o mantemento das capacidades da persoa con dano cerebral adquirido e a súa autonomía persoal a nivel funcional e psicosocial.
O servizo de rehabilitación especializada e multidisciplinar inclúe os tratamentos de fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, terapias intensivas e terapias acuáticas, psicoloxía e/ou neuropsicoloxía, ademais do asesoramento e intervención de educación e traballo social, a través das seguintes actividades:
-
Traballos de atención psicomotriz, adestramento nas actividades da vida diaria (básicas e funcionais), actividade acuática, fitness, pilates, baile e outros deportes.
-
Avaliación e rehabilitación da disfaxia, disfonía, disartria, afasia e os trastornos pragmáticos da comunicación, así como apoio a través de sistemas aumentativos e alternativos de comunicación e de técnicas para unha deglutición segura.
-
Estimulación cognitiva e sensorial, memoria, manexo de alteracións emocionais e condutuais, mellora da autoestima e promoción da independencia.
-
Obradoiros e actividades grupais de diversas temáticas (teatro, boccia, informática, carpintería, horta, cociña, coiro, pintura, xoiería, xabón, xoguetes, cerámica, textil, memoria, ximnasia de mantemento etc)
-
Recepción das familias e persoas con dano cerebral adquirido, asesoramento e tramitación de recursos sociais e prestacións económicas, coordinación con outros dispositivos e acompañamento á familia durante todo o proceso.
En función da asociación, a vía de acceso a este servizo pode ser a praza pública (concertada coa Xunta de Galicia) ou a praza privada (a través do pagamento directo das persoas usuarias). Igualmente, en función da entidade, o servizo de atención pode estar organizado a media xornada ou a xornada completa (incluíndo ou non comedor), a atención prestada pode ser básica ou de carácter terapéutico, e pode incluír ou non o transporte adaptado con acompañante desde o domicilio ata o centro.
Para informarte sobre as características do servizo en cada asociación, visita as súas páxinas a través do apartado Entidades sociais ou contáctanos.
O servizo préstase a través dun equipo multidisciplinar de profesionais dos ámbitos da psicoloxía-neuropsicoloxía, educación social, fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, traballo social e enfermaría. As persoas que conforman estes equipos traballan de maneira coordinada para determinar os plans de atención individualizada para cada persoa. Ademais, esta coordinación amplíase ao ámbito da familia, pois esta forma parte fundamental do proceso de atención da persoa con dano cerebral adquirido.