En Dano Cerebral Galicia queremos garantir a autonomía persoal, previr situacións de dependencia e evitar a institucionalización non desexada de persoas con dano cerebral adquirido. Con este fin, no marco do ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’, en 2022 iniciamos unha liña de acción baseada na prestación de servizos de atención terapéutica a domicilio dirixida a persoas con necesidades de apoios e coidados de longa duración non cubertos polo sistema de atención.
Os servizos sociosanitarios de proximidade son unha iniciativa pioneira en Galicia que pretende minimizar e reducir a ruptura asistencial que se produce trala saída do hospital das persoas con dano cerebral aqduirido a través da implantación dun novo modelo de apoio e atención.
Iniciouse en 2022 no marco do ‘Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’. Esta iniciativa, desenvolta a nivel estatal por 22 entidades de cinco confederacións do terceiro sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, Daño Cerebral Estatal e AUTISMO ESPAÑA), ten o obxectivo de impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e ao coidado de persoas con discapacidade.
No caso de Dano Cerebral Galicia, unha das principais liñas de actuacións dirixíuse especificamente a persoas con dano cerebral adquirido en fase crónica ou de mantemento e, especialmente, a aquelas con grandes dificultades de mobilidade física ou complicacións no acceso a recursos por vivir en contornas rurais.
Para cubrir as necesidades destas persoas, a Federación comezou a realizar intervencións terapéuticas en domicilio a través do equipo de logopedia e terapia ocupacional, con colaboración con profesionais de psicoloxía das asociacións federadas.
A iniciativa partiu dunha fase de diagnose, que implicou o mapeo dos recursos sociosanitarios existentes no territorio galego, o deseño e distribución de material informativo para difundir o lanzamento do programa en diversos espazos (como servizos sociais municipais, centros de saúde, farmacias, puntos informativos das asociacións de dano cerebral e colexios profesionais sociosanitarios) e o traballo en rede.
Con este fin, o equipo de Dano Cerebral Galicia mantivemos 147 reunións con axentes chave para a identificación e derivación de persoas con dano cerebral adquirido do medio rural e establecemos un convenio de colaboración co Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso para ampliar a cobertura á comarca da Limia.
Trala campaña informativa, que suscitou unha alta demanda de solicitudes de admisión no servizo (con 82 peticións até decembro de 2023, das que 35 non cumprían criterios de acceso), comezou a fase de execución. As persoas admitidas no servizo foron valoradas polo equipo profesional, que estableceu para cada unha delas itinerarios de intervención e obxectivos de traballo terapéutico en domicilio mediante os PIA (Programa Individualizado de Atención).
A maioría dos programas de atención individualizados contemplaron intervencións interdisciplinares, tanto de terapia ocupacional, coa que se traballa a autonomía das persoas con dano cerebral adquirido, como de logopedia, coa que se traballa na mellora das secuelas comunicativas e da fala, aumentando a capacidade comunicativa e diminuíndo as dificultades na alimentación.
Ademais, en ambas disciplinas, facilítanse os produtos de apoio necesarios cando as persoas carecen deles (cubertos adaptados, asideros, abotonadores, engrosadores, sistemas alternativos ou aumentativos de comunicación etc.) e tamén se ofrecen sesións de psicoloxía e traballo social nos casos que era necesario. Ao acadarse os obxectivos, a persoa é dada de alta do programa e/ou derivada ao recurso máis pertinente.
De forma paralela, nos casos nos que foi preciso, prestouse apoio ás familias na procura de recursos sociosanitarios dispoñibles na comunidade, na realización de trámites burocráticos (como solicitar os certificados de discapacidade ou dependencia) e a púxose a disposición un servizo de psicoloxía prestado por algunha das asociacións de Dano Cerebral Galicia.
Até o 31 de decembro de 2023, a prestación de servizos sociosanitarios de proximidade beneficiou directamente a 47 persoas con dano cerebral adquirido.
Atendendo ao seu perfil, 23 son mulleres e 24 son homes que residen en 16 localidades das catro provincias galegas, situadas no 97% dos casos en contornas rurais. No que se refire á idade, o 64% das persoas teñen máis de 64 anos, o que as sitúa dentro da franxa etaria con maior prevalencia do dano cerebral adquirido. Ademais, nun 36,17% dos casos as persoas coas que se realizou intervención se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, xa sexa por risco de pobreza o exclusión social, pertenza a unha minoría étnica ou por violencia machista.
Este é un servizo desenvolto no marco dun proxecto piloto, cuxo fin é decembro de 2024, pero os resultados intermedios están a demostrar a pertinencia da súa existencia. Estes permiten afirmar que os servizos sociosanitarios de proximidade melloran o benestar físico, emocional e material tanto de persoas con dano cerebral adquirido, cuxas necesidades sociosanitarias non estaban a ser atendidas polo sistema, como das súas familias, que viron incrementada a súa calidade de vida e benestar psicolóxico.
Segundo as enquisas de satisfacción entregadas ás persoas participantes no servizo, o 100% asegura que experimentou un aumento da súa autonomía de vida diaria, sendo especialmente significativo, como indicador de éxito, que persoas que levaban anos sen saír da casa, ou sen levantarse da cama, agora si o fagan.
As actuacións realizadas a través dos servizos sociosanitarios de proximidade financiáronse fundamentalmente a través do Proxecto Rumbo e, por tanto, con fondos do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea. O resto do financiamento procede da Fundación “la Caixa” a través da Convocatoria Social Galicia 2022-2023.