Este proxecto busca promover o deporte inclusivo e sensibilizar sobre as necesidades terapéuticas, de rehabilitación e de inclusión das persoas con dano cerebral adquirido a través de sesións formativas na práctica da natación e a participación nunha proba deportiva en augas abertas.
O programa iniciouse en 2022 co obxectivo de dar visibilidade ao dano cerebral adquirido e de promover hábitos de vida saudable a través da práctica da natación.
A iniciativa partiu da sinatura dun convenio de colaboración entre Dano Cerebral Galicia, a Asociación Deportiva Cultural Arousaman Manolo O Nacho e os nadadores de augas abertas Aitor de Luis González e Guillermo Díez Lorenzo.
O programa consiste na realización de sesións de adestramento cun grupo de persoas usuarias das asociacións de Dano Cerebral Galicia, dirixidas por persoas voluntarias da Asociación Arousaman co apoio de profesionais de terapia ocupacional e/ou fisioterapia do movemento asociativo.
Nas sesións, realizadas en piscinas municipais e praias, aplícanse técnicas de respiración, flotación e natación adaptadas ás diferentes secuelas e necesidades das persoas participantes, quen adestran co obxectivo final de participar na primeira edición da ‘Travesía a Nado Polo Dano Cerebral’.
Esta proba solidaria e non competitiva, aberta a participación de persoas con ou sen discapacidade, celebrouse até o de agora en dúas ocasións na praia do Preguntoiro, en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa).
A primeira realizouse o 16 de xullo de 2022.
A segunda tivo lugar o 6 de xullo de 2024, coa participación de cen nadadoras e nadadores, entre os que se atopaban 15 deportistas con dano cerebral adquirido do movemento asociativo.
No caso da primeira edición da ‘Travesía a Nado Polo Dano Cerebral’, contamos con financiamiento da Consellaría de Política Social, da convocatoria Xacobeo 21-22 e do Concello de Vilagarcía de Arousa. Ademais, contouse co apoio da Fundación de Deportes de Vilagarcía, Eroski, Club de Natación e Salvamento Vilagarcía e da Asociación de Búsqueda y Salvamento.
No caso da ‘2ª Travesía a Nado Polo Dano Cerebral’, contamos con fondos da Consellería de Política Social e Igualdade, da Fundación José Otero - Carmela Martínez, e do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Proxecto Rumbo.Novamente, colaboraron a Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía de Arousa, Protección Civil Vilagarcía de Arousa e a Asociación de Búsqueda y Salvamento. Ademais, Vegalsa-Eroski patrocinou o avituallamento.