Este programa desenvolveuse co obxectivo de favorecer o exercicio físico e de estimular capacidades cognitivas de persoas con dano cerebral adquirido a través de dinámicas de xogo en equipo baseadas na práctica da disciplina paralímpica da boccia.
O piar das dinámicas desenvoltas é a boccia ou bocha, unha modalidade deportiva paralímpica creada inicialmente para persoas con parálise cerebral que na actualidade se está a adaptar para que poidan participar persoas con diferentes graos de discapacidade.
A través deste xogo de precisión e estratexia, búscase facilitar a participación na comunidade e a realización de actividades colectivas de ocio que fomenten a convivencia interxeracional.
A actividade realizouse con persoas usuarias do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso (CDR O Viso), situado no concello ourensán de Sarreaus, no marco do convenio de colaboración que mantemos con esta entidade.
A intervención foi dirixida polo equipo de logopedia e terapia ocupacional de Dano Cerebral Galicia e realizouse ao longo de cinco meses cunha periodicidade quincenal.
Durante as sesións, as persoas participantes foron adoptando diferentes roles, participando de forma activa no xogo, actuando como árbitras e animando ás xogadoras.
A actividade realizouse con financiamiento do Proxecto Rumbo e, por tanto, con fondos do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.