Esta acción informativa sobre ocio inclusivo procura concienciar a administracións públicas, profesionais da xestión cultural e operadores de ocio sobre as barreiras físicas, comunicativas, cognitivas, sensoriais e socioeconómicas que enfrontan as persoas con dano cerebral adquirido cando queren ser parte dunha actividade lúdica no seu tempo libre.
A campaña, enmarcada no ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', parte da detección por parte do tecido asociativo da falta de coñecemento sobre a realidade do colectivo entre profesionais do sector cultural e operadores de ocio. Ademais, advírtese o predominio dun concepto reducionista da accesibilidade, centrada no aspecto físico e no que as necesidades cognitivas non se atenden; e dunha perspectiva paternalista sobre a capacidade de decisión e escolla das persoas con discapacidade.
Para superar o actual modelo, tendente á programación de actividades específicas, dirixidas unicamente a persoas con discapacidade e, por tanto, segregadoras, a campaña traslada unha serie de medidas para promover actividades inclusivas e accesibles, é dicir, dirixidas a todas as persoas con medidas favorecedoras para a inclusión das que teñen discapacidade.
A campaña informativa componse de carteis, folletos e un vídeo explicativo, realizado con ilustracións animadas, voz en off e subtítulos para facilitar a súa comprensión. Estes materiais inclúen unha serie de pautas básicas, dirixidas a entidades e persoas responsables de deseñar, organizar e coordinar actividades e servizos de ocio, para garantir que estes sexan accesibles e inclusivos.
Co fin de diversificar as accións e prolongar a duración da campaña, esta dividiuse en dúas fases: a primeira destinouse ao lanzamento e establecemento da toma de contacto e colaboración con axentes implicados, e a segunda planificouse para poñer o foco no alcance de axentes chave.
A presentación da campaña realizarouse no marco da 16ª edición da Feira das Culturas Galegas Culturgal ao abeiro das xornadas formativas organizadas en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). A través dunha sesión informativa, dirixida especialmente a axentes públicos e privados con competencias nos equipamentos culturais e deseño, coordinación e execución de actividades de ocio, a actividade permitiu achegar a realidade do colectivo desde unha perspectiva tanto técnica como vivencial.
A actividade realizouse con financiamiento do Proxecto Rumbo e, por tanto, con fondos do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.