Esta investigación foi realizada a partir de case 300 entrevistas a persoas coidadoras do movemento asociativo do dano cerebral galego co obxectivo de avaliar o impacto do labor de atención informal ás persoas con dano cerebral adquirido e contribuír ao deseño de políticas públicas de apoio a este colectivo.
O estudo 'O coidado informal no dano cerebral adquirido: impacto na saúde e calidade de vida das persoas coidadoras. Análise en clave de desigualdade de xénero, realizado entre 2020 e 2021, define un perfil de quen coida a persoas con dano cerebral, cuantifica o impacto na súa saúde e na súa calidade de vida desta actividade e determina as diferenzas do efecto desta atención segundo o sexo da persoa coidadora.
A investigación estivo liderada polo equipo de ReTnova Proxectia Consulting, encargado do seu deseño e realización, e partiu da falta de información, tanto a nivel galego como estatal, sobre o traballo informal (é dicir, non remunerado, realizado no ámbito doméstico e sen capacitación profesional) no coidado de persoas con dano cerebral desde unha perspectiva que tome en consideración as desigualdades de xénero.
O obxectivo global do estudo é contribuír ao deseño e á planificación de intervencións de apoio biopsicosocial para as persoas coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia desde unha perspectiva de xénero. Para alcanzar esta meta, a investigación busca coñecer o impacto que o coidado de persoas con dano cerebral adquirido xera sobre a saúde e a calidade de vida de quen proporciona esa atención con carácter regular e de xeito informal.
A investigación baseouse na realización dun estudo cuantitativo, sustentado na recollida de datos e a procura de información na base social das cinco asociacións de dano cerebral que integran a Federación. En concreto, a investigación nutriuse da información achegada a través dunha enquisa respondida por unha mostra de 282 persoas coidadoras pertencentes ao movemento asociativo.
A investigación evidencia a importancia e a necesidade de impulsar recursos de apoio e a articulación de actuacións deseñadas con perspectiva de xénero para apoiar as coidadoras.
No relativo ao perfil de quen coida, confírmase que os coidados son unha actividade claramente feminizada, en boa parte dos casos desempeñada pola cónxuxe ou parella da persoa con dano cerebral adquirido.
En canto ao impacto dos coidados na calidade de vida de quen coida, o estudo revela que as mulleres acusan maior número e máis graves efectos sobre a súa saúde física e mental. En concreto, case o 90% das coidadoras recoñece ter algún trastorno de saúde desde que asumiu a responsabilidade principal destes coidados. Igualmente, no que respecta ás repercusións no ámbito económico e laboral das persoas coidadoras, as mulleres renuncian á súa vida laboral e ao seu desenvolvemento profesional en maior medida que os homes.
Finalmente, no que se refire ás principais necesidades e demandas das persoas coidadoras, os distintos tipos de apoio e servizos analizados revélanse como importante para as persoas coidadoras -sobre todo para as mulleres-, destacando a relevancia dos aspectos relacionados coa información e a atención médico-sanitaria á persoa con dano cerebral.
O estudo financiouse con fondos da Fundación Barrié e a Fundación Roviralta no marco da cuarta convocatoria da iniciativa Más Social impulsada por ambas entidades, así como con apoio da Consellaría de Política Social.