Esta investigación ofrece a primeira diagnose cualitativa e cuantitativa sobre a presenza en Galicia do dano cerebral en centros residenciais non específicos para a atención a esta discapacidade.
O estudo, que promovemos e elaboramos desde Dano Cerebral Galicia, realizouse no marco do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', destinado a impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal, á vida independente e á participación social de persoas con discapacidade.
O punto de partida foi a necesidade de dispoñer de información que permita establecer actuacións orientadas a resolver a insuficiencia de solucións habitacionais específicas para persoas con discapacidade por dano cerebral, xa que estas son derivadas e institucionalizadas en residencias que non contan cos servizos nin prestacións adecuadas ás súas necesidades de atención, acompañamento e rehabilitación.
A pesar de que esta é unha realidade coñecida e difundida no sector, até a realización deste estudo non existían datos obxectivos da prevalencia real de dano cerebral nos centros residenciais, tanto pola dificultade e complexidade de obter información por parte da administración autonómica como pola complexidade de lograr a colaboración na diagnose das residencias, na súa maioría de titularidade privada.
A obtención da diagnose sobre a atención prestada ás persoas con dano cerebral que habitan nas residencias non especializadas nesta discapacidade concretouse en catro metas secundarias:
- Estimar a prevalencia e a distribución do dano cerebral adquirido nos centros residenciais.
- Identificar as características das persoas con dano cerebral adquirido que habitan en centros residenciais non específicos.
- Definir os servizos de apoio e atención dispoñibles para as persoas con dano cerebral adquirido nos centros residenciais non específicos.
- Coñecer o interese dos centros residenciais en recibir información e participar en futuras validacións e formacións relacionadas co estudo.
A información obtida a través desta investigación nútrese dun estudo observacional descritivo, no que a recollida da información se levou a cabo a través dunha enquisa enviada en maio de 2023 aos 313 centros residenciais, tanto públicos como privados, existentes en Galicia.
O cuestionario foi respondido por 45 das residencias e debido a que só unha delas, o CPAP de Bergondo, está especializada en dano cerebral, as súas respostas foron excluídas da mostra para evitar distorsións nos resultados.
Malia o pequeno tamaño da mostra, síntoma da dificultade que aínda existe para obter información e conseguir colaboración entre os diferentes actores implicados na atención sociosanitaria, o estudo ofrece datos relevantes para trazar unha aproximación exploratoria das características, distribución e recursos de apoio e atención dispoñibles para o dano cerebral adquirido nos centros residenciais do noso país.
Nese senso, entre os principais datos obtidos, cómpre sinalar que o 91% dos centros nos que residen persoas con dano cerebral están dirixidos a atención a persoas maiores. No relativo ás características das persoas residentes con dano cerebral, é destacable que o 71,4% dos centros contan con alguén que tivo a lesión hai menos de dous anos e que, por tanto, se atopa na fase subaguda ou iniciando a etapa crónica, en que é imprescindible levar a cabo unha rehabilitación interdisciplinar. Finalmente, en canto ás características dos servizos de apoio e atención, hai que sinalar a escasa presenza de profesionais de disciplinas como logopedia, psicoloxía, neuropsicoloxía, educación social e terapia ocupacional, esenciais na rehabilitación das secuelas asociadas ao dano cerebral adquirido, fronte á fisioterapia, o perfil máis habitual nos servizos de rehabilitación.
Ademais da información obtida, o informe deu pé á elaboración dunha guía de actuación e dun ciclo formativo baseado nos seus contidos. Ambas accións, diríxense aos equipos profesionais dos centros residenciais non específicos co obxectivo de capacitalos no fomento da autonomía das persoas residentes con dano cerebral residentes.
A realización do estudo financiouse con fondos do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.