Desde Dano Cerebral Galicia organizamos sesións de lectura participativa e obradoiros de sensibilización sobre dano cerebral adquirido para público infantil. As sesións baseánse no emprego do conto Os Bolechas: Mireia conta que é o dano cerebral, elaborado con textos e ilustracións de Pepe Carreiro, como recurso lúdico de sensibilización.
A actividade, deseñada co obxectivo de familiarizar á cativada sobre a realidade da discapacidade, consiste nunha lectura, acompañada da proxección das páxinas da publicación, a través de dinámicas pedagóxicas orientadas a espertar a curiosidade e facilitar a comprensión sobre as causas e secuelas do dano cerebral.
En Mireia conta que é o dano cerebral adquirido, as populares personaxes de Pepe Carreiro coñecen, nunhas vacacións de verán, a unha nena con dano cerebral adquirido. A cativa explícalles as súas causas e secuelas e axúdalles a aprender a identificar os síntomas de alarma do ictus. Ademais, compártelles consellos para relacionarse con amigas e amigos que teñan a discapacidade co fin de educar no respecto á diferenza e na convivencia nunha sociedade inclusiva.
En 2022, ano de edición do conto, desde Federación distribuímos a publicación nos centros de ensino infantil e primario e nas bibliotecas e axencias de lectura de todos os concellos da provincia da Coruña. Desde entón, realizamos periodicamente obradoiros en centros escolares de infantil e primaria, campamentos de verán para rapazada e outros espazos por toda a xeografía galega.
A edición do conto realizouse con unha subvención da Deputación da Coruña e as sesións de sensibilización fináncianse con fondos da Consellaría de Política Social e Xuventude, no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
Queres que organicemos un obradoiro?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade