Unhas das nosas principais liñas de actuación busca contribuír á redución da incidencia e prevalencia do dano cerebral adquirido a través da realización de campañas de divulgación e actividades culturais, deportivas e informativas de sensibilización. Estas accións realízanse coa colaboración de diferentes administracións públicas e axentes privados en espazos comunitarios, no ámbito empresarial e no eido educativo. O obxectivo é incrementar o coñecemento social sobre a realidade do dano cerebral adquirido e promocionar hábitos de vida saudables, capacitando á poboación na prevención das causas e na diagnose precoz dos síntomas de alarma do ictus, así como na abordaxe das secuelas desta discapacidade.

Obradoiros infantís 'FAST Heroes'
Sesións didácticas para a sensibilización de alumnado escolar na prevención do ictus.

Sesións de cinefórum
Aproximación ao dano cerebral adquirido a través da proxección dun filme e a súa análise.

Obradoiros infantís con 'Os Bolechas'
Sesións de sensibilización sobre dano cerebral adquirido dirixidas a cativada de centros escolares e espazos comunitarios.

Camiñando #PoloDanoCerebral
Carreira e andaina solidaria para a sensibilización sobre o dano cerebral adquirido e a prevención mediante hábitos saudables.

Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido
Exposición fotográfica e audiovisual sobre a vida cotiá das persoas con dano cerebral das asociacións federadas.

Charlas sobre dano cerebral adquirido
Sesións informativas de prevención e coñecemento das secuelas desta discapacidade destinadas a distintos colectivos cidadáns.

Eu non son o meu dano cerebral
Proxecto multimedia realizado con motivo do 20 aniversario do movemento asociativo do dano cerebral adquirido en Galicia.

Non se pode previr o que non se coñece
Campaña de sensibilización sobre as secuelas invisibles do dano cerebral realizada coa colaboración de RENFE.

O importante é chegar ben
Campaña de prevención do dano cerebral adquirido dirixida a persoas que realizan o Camiño de Santiago.