A Rede de Cidadanía Activa é un instrumento que aglutina a persoas con dano cerebral adqurido das asociacións que conforman a Federación. O seu obxectivo é ofrecer un espazo común para a definición de obxectivos compartidos e a toma de decisións conxuntas tanto no relativo á participación das súas integrantes na comunidade, en xeral, como na incidencia nas políticas públicas e a lexislación a través da defensa activa dos seus dereitos, en particular.
A Rede de Cidadanía Activa de Persoas con Dano Cerebral Adquirido é un instrumento impulsado por Dano Cerebral Galicia co propósito de promover canles, espazos e ferramentas que favorezan a autodeterminación individual e colectiva das persoas con dano cerebral.
A iniciativa xurdiu no marco do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’. Este desenvólvese a nivel estatal por 22 entidades de cinco confederacións do terceiro sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, Daño Cerebral Estatal e Autismo España) co obxectivo de impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e ao coidado de persoas con discapacidade.
Nese marco, unha importante fonte de inspiración para a Federación foron os grupos de participación xa existentes dentro do movemento asociativo galego das persoas con dano cerebral adquirido. Estes espazos informais, con distintas denominacións e modelos, teñen como obxectivo deseñar, identificar e traballar en accións de incidencia e participación cidadá que permitan ás persoas con dano adquirido participar de forma activa nas diferentes dimensións das súas vidas.
Con todo, son instrumentos que non están xeneralizados entre o colectivo e que non teñen, entre os que están en funcionamento, mecanismos de traballo en común. Por este motivo, desde Dano Cerebral Galicia propuxémonos sumar forzas a través da constitución dunha rede autonómica que permitise agrupar, baixo una mesma plataforma, a persoas con dano cerebral adquirido do cinco asociacións que conforman a Federación.
O primeiro paso para a constitución da Rede consistiu na convocatoria de encontros con persoas do cinco asociacións interesadas en implicarse no proceso para difundir a idea de partida e analizar as súas expectativas, dúbidas ou reticencias ante o potencial e innovador novo instrumento. Entre xuño e xullo de 2023, profesionais da Federación coordinamos cinco grupos focais, celebrados en cada unha das cinco asociacións da Federación, e nos participaron un total de 25 persoas usuarias.
Neses primeiros encontros, realizouse unha diagnose das necesidades, intereses e demandas das asistentes e analizouse o modelo organizativo e as actividades que realizan os grupos xa existentes en Sarela (entidade na que funciona o grupo denominado 'Primeira Persoa') e en Alento (na que o colectivo se chama 'Autoxestores'). Ademais, esta primeira toma de contacto permitiu detectar a convicción compartida ao redor da utilidade da constitución dunha plataforma de participación activa que dote de maior visibilidade social ao dano cerebral adquirido con relatos e voces en primeira persoa.
Finalmente, en abril de 2024 celebrouse o primeiro encontro presencial no que participaron persoas das diferentes asociacións e no que se constituíu formalmente a Rede de Cidadanía Activa a través da aprobación das súas normas de funcionamento interno.
Co obxectivo de cohesionar o grupo e identificar novos obxectivos a executar en colectivo, en outubro de 2024 a Rede de Cidadanía Activa gozou dunha xornada de ocio en Lugo. As persoas integrantes, xunto con profesionais das asociacións, gozaron dun percorrido guiado polo patrimonio histórico da cidade.

Ao mes seguinte, a Rede mantivo unha reunión coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño. Sete integrantes desta plataforma de participación social, presentaron unha serie de inquedanzas e demandas á alta comisionada co fin de atopar conxuntamente vías para canalizalas.
Ademais de subliñar a incomprensión que afrontan no seu día a día debido á invisibilización e ao descoñecemento social sobre o dano cerebral, as participantes trasladaron á Valedora o decálogo de reivindicacións do movemento asociativo da lexislatura 2024-2025 a partir de exemplos concretos da súa experiencia persoal vinculados coa accesibilidade, a inserción sociolaboral e a atención sociosanitaria, entre outros aspectos.
A Rede de Cidadanía Activa finánciase a través do Proxecto Rumbo e, por tanto, con fondos do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.