O Premio FEGADACE-Miguel Blanco entrégase anualmente co obxectivo de recoñecer o traballo e a traxectoria dun axente social implicado na sensibilización sobre o dano cerebral adquirido e/ou na defensa das persoas do colectivo. A súa orixe atópase nas distincións entregadas en 2012 no I Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral, no que se recoñeceu ao psicólogo clínico Miguel Anxo García e outras persoas especialmente implicadas no traballo das asociacións. Un ano despois, estes recoñecementos institucionalizáronse a través do premio, que en 2016 adquiriu o nome do neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe outorgando o seu nome ao premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.
En 2023, a Federación recoñeceu o labor do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña á hora de aplicar a innovación e a I+D+i ao ámbito dos servizos sociais, favorecendo a inclusión e autonomía persoal do colectivo do dano cerebral adquirido e da discapacidade en xeral.
A Xunta Directiva de Dano Cerebral Galicia sinalou no seu fallo o compromiso do CITIC co dereito á inclusión social e ao exercicio dunha vida plena e autónoma do colectivo do dano cerebral adquirido, valorando especialmente posta en marcha de proxectos que teñen como fin fundamental a creación de espazos de innovación tecnolóxica no ámbito dos servizos sociais centrados na mellora dos sistemas de atención.
Manuel González Penedo, director do CITIC, Thais Pousada García, investigadora e profesora e Manuel Lagos Rodríguez, investigador, recibiron o XI Premio FEGADACE - Miguel Blanco de mans de Purificación Escobar, representante da asociación DisCamino, premiada na anterior edición.
O acto de entrega do galardón realizouse durante a II Xuntanza do Movemento Asociativo do Dano Cerebral.
En 2022, a Federación recoñeceu o compromiso da asociación DisCamino cos dereitos e a inclusión de persoas con dano cerebral adquirido nas diferentes actividades e iniciativas inclusivas que organizan en bicicletas adaptadas, triciclos, cadeiras 'joelette' ou a pé.
A Xunta Directiva da Federación agradeceu no seu fallo o papel da entidade na promoción do exercicio dos dereitos ao ocio e á participación deportiva, fundamentais a nivel físico e emocional na recuperación e mantemento das persoas con dano cerebral adquirido á hora de retomar e/ou reformular o seu proxecto vital.
Javier Pitillas Torra, fundador de Discamino, recolleu o X FEGADACE - Premio Miguel Blanco de mans de Jesús Figueroa, vicepresidente da Sociedade Galega de Rehabilitación e Medicina Física (SOGARMEF), distinguida na anterior edición.
O acto de entrega do galardón realizouse nun acto celebrado no marco da Xornada sobre Dano Cerebral titulada 'A atención integral sociosanitaria como garantía de calidade de vida no dano cerebral adquirido'.
En 2021, a Federación recoñeceu o labor da Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación (SOGARMEF) na defensa e mellora da calidade de vida do colectivo do dano cerebral.
A Xunta Directiva da Federación valorou no seu fallo o papel de SOGARMEF como aliada chave na persecución dos obxectivos do movemento asociativo. En concreto, destacou a súa contribución a dúas grandes metas: (i) proporcionar mellor información e formación ás profesionais implicadas na atención ao dano cerebral adquirido, (ii) desenvolver actividades relacionadas coa divulgación do coñecemento sobre os aspectos médicos, sanitarios o sociais do dano cerebral adquirido, así como contribuír á incidencia política e reivindicación social para a defensa dos dereitos das persoas do colectivo, sendo un apoio fundamental no impulso e posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado de dano cerebral en Galicia.
Jacobo Formigo, responsable da Unidade de Rehabilitación Intervencionista do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, recolleu o IX Premio FEGADACE – Miguel Blanco en nome da SOGARMEF de mans de Belén Rey, representante da Fundación María José Jove, distinguida na anterior edición.
A entrega do galardón realizouse nun acto celebrado durante a Xornada sobre o Dano Cerebral, titulada 'O impacto nas persoas e familias con dano cerebral adquirido da reforma lexislativa que modifica a capacidade de xurídica e de obrar das persoas con discapacidade'.
En 2020, a Federación recoñeceu o labor e compromiso da Fundación María José Jove a favor da inclusión das persoas con dano cerebral adquirido, especialmente a través da organización de actividades de ocio inclusivas e accesibles, así como accións de sensibilización sobre a discapacidade.
A Xunta Directiva da Federación destacou no seu fallo que “actividades como as que organiza a Fundación serven para facilitar o retorno ao contexto sociocomunitario e permiten o pleno desenvolvemento das capacidades de cada persoa a través das adaptacións necesarias para o exercicio de actividades de lecer e deportivas”. Igualmente, tamén salientou a predisposición da Fundación para colaborar co colectivo do dano cerebral.
Debido á situación epidemiolóxica, a entrega do VIII Premio FEGADACE - Miguel Blanco realizouse de forma simbólica a través dun acto virtual no que interviu a presidenta da Fundación, Felipa Jove, e Pedro Diz, director da Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Odontoloxía da USC, quen recibiu na anterior edición o galardón.
En 2019, a Federación recoñeceu o labor prestado desde 1992 pola Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais (UPNE) da Universidade de Santiago de Compostela no coidado da hixiene bucodental do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia
A Xunta Directiva sinala no seu fallo, ademais, o labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde.
Pedro Diz, director da Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Odontoloxía da USC, recibiu o VII Premio FEGADACE - Miguel Blanco de mans de Miguel Ángel Verdugo, fundador do INICO, distinguido na anterior edición.
A entrega do galardón realizouse nun acto celebrado durante a Xornada sobre Dano Cerebral titulada 'Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética'.
En 2018, a Federación recoñeceu ao Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO) da Universidade de Salamanca polo seu compromiso coa mellora da calidade de vida e autodeterminación das persoas con dano cerebral adquirido ao longo de todo o seu ciclo vital.
A Xunta Directiva de Dano Cerebral Galicia valorou no seu fallo o labor desta institución, destacada a nivel nacional e internacional, na investigación, docencia e difusión do coñecemento en materia de discapacidade, destacando especialmente a elaboración da Escala CAVIDACE. A Federación considera que se trata dunha ferramenta pioneira no ámbito internacional por facilitar unha avaliación global da calidade de vida desde un enfoque psicosocial, que vai repercutir moi positivamente na mellora da práctica profesional coa poboación con dano cerebral adquirido.
Miguel Ángel Verdugo, fundador e presidente do INICO, recibiu o VI Premio FEGADACE - Miguel Blanco nun acto celebrado no marco da Xornada sobre Dano Cerebral titulada ‘Calidade de vida e dano cerebral adquirido’.
En 2017, a Federación recoñeceu á xornalista Maria Escario pola súa valentía á hora de afrontar publicamente o ictus, a particular fortaleza amosada como muller con potenciais secuelas en forma de dano cerebral adquirido, e a normalidade no retorno ao traballo, que serven de exemplo a todo o colectivo que representa Dano Cerebral Galicia.
No acto de entrega do V Premio FEGADACE - Miguel Blanco participaron David Llorente, xefe provincial da DGT de Ourense, e Luciano Fernández, presidente da Federación.
En 2016, a Federación recoñeceu o labor da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) na sensibilización para a prevención dos accidentes de tráfico e a drástica redución da sinistralidade viaria acadada grazas a diferentes medidas e campañas.
María Seguí, naquel momento directora xeral da DGT, recibiu o IV Premio FEGADACE - Miguel Blanco de mans de María Isabel Pérez, directora de Programas de Acción Social da Fundación Barrié, entidade distinguida na anterior edición. O acto de entrega do galardón celebrouse no marco do V Foro de Familias con Dano Cerebral Adquirido.
En 2015, a Federación recoñeceu o labor da Fundación Barrié polo seu labor de apoio ao movemento asociativo do dano cerebral adquirido.
A Xunta Directiva sinalou no seu fallo o apoio prestado pola Fundación desde unha fase incipiente contribuíndo ao seu fortalecemento institucional e á visibilización das asociacións membro de Dano Cerebral Galicia e da discapacidade que representan, e axudando a incrementar a dimensión e a consolidar programas e servizos para a mellora da calidade de vida das familias e persoas con dano cerebral adquirido.
En 2014, a Federación recoñeceu o labor na atención a pacientes e familias de Miguel Blanco, neurólogo e coordinador da Unidade de Ictus do CHUS, na altura a única existente en Galicia.
A Xunta Directiva da Federación recolleu no seu fallo a eficacia no desenvolvemento do traballo da Unidade ao iniciar a cadea da atención ao dano cerebral adquirido, salvando vidas que, trala alta hospitalaria, reciben rehabilitación e apoio nas asociacións membro da Federación.
Miguel Blanco recibiu o II Premio FEGADACE de mans de Clara de Sáa, distinguida na anterior edición, nun acto celebrado no marco do III Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido.
En 2013, a Federación recoñeceu o labor de ‘Convivir en Igualdade’, programa da Radio Galega.
A Xunta Directiva da Federación destacou no seu fallo o particular esforzo deste espazo radiofónico por comprender a situación tanto das persoas con discapacidade como das asociacións que as representan, así como o empeño por informar e concienciar sobre a nosa diversidade e problemática á sociedade galega.
A condutora do programa, Clara de Sáa, recibiu en representación do equipo o I Premio FEGADACE nun acto celebrado no marco do II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido.