Este curso aborda un dos aspectos que menor presenza ten no modelo de apoio, atención e intervención con persoas con dano cerebral adquirido: a sexualidade. En concreto, busca promover o coñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das persoas con discapacidade, atendendo á incidencia que teñen neles ás secuelas asociadas ao dano cerebral.
O obxectivo da formación é a capacitación arredor da abordaxe da sexualidade das persoas con dano cerebral a través dun enfoque de dereitos. Para acadar esta meta xeral, o curso promove a adquisición de coñecementos sobre a evolución histórica da sexualidade e os seus compoñentes, as secuelas que ten o dano cerebral e como estas repercuten no ámbito da sexualidade da persoa, así como técnicas e recursos para levar a cabo boas prácticas na abordaxe profesional.
O programa desenvólvese en formato virtual a través da Escola Dano Cerebral e ten unha duración de 50h.
O temario está conformado por cinco unidades. A partir dun percorrido histórico e conceptual sobre a sexualidade, os contidos aluden á resposta sexual humana, a sexualidade nas persoas con dano cerebral, a abordaxe profesional da sexualidade e, finalmente, á xestión de casos.
Os contidos foron elaborados por un grupo de traballo multidisciplinar, composto por profesionais de Dano Cerebral Galicia e das asociacións galegas de dano cerebral a partir dos seus coñecementos e experiencia directa e diaria co colectivo de persoas con esta discapacidade e as súas familias.
O curso diríxese a profesionais sociosanitarias dedicadas á atención e coidado de persoas con dano cerebral adquirido, a coidadoras informais e a calquera persoa interesada na temática.
A primeira edición do curso realizouse en modalidade virtual en 2022 e desde entón formou a 186 persoas.
As sete edicións realizadas até o de agora contaron con financiamento da Consellaría de Política Social e Igualdade, no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda. A 7ª edición tamén contou coa colaboración de Fundación 'La Caixa’ no marco do proxecto 'Servizos sociosanitarios de proximidade’.
Queres que organicemos este curso nalgures?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade