Esta actividade busca promover a adquisición de hábitos de autocoidado entre quen se ocupa de coidar a persoas con dano cerebral adquirido.
O obxectivo do obradoiro é mellorar a calidade de vida das persoas que prestan coidados informais no eido do dano cerebral adquirido a través de información e pautas que axuden a exercer este rol sen desatender a atención á propia saúde.
O programa desenvólvese en formato presencial e ten unha duración de 2 horas e 30 minutos impartidas nunha única sesión.
O temario está composto por catro unidades, que abordan a realidade do dano cerebral adquirido atendendo á súa definición e principais causas; as diferenzas entre discapacidade, incapacidade e dependencia; e a noción de coidados, tratando conceptos como corresponsabilidade, autocoidados ou dereitos da persoa coidadora. Finalmente, o cuarto capítulo presenta un catálogo de medios e recursos de atención a disposición da persoa coidadora.
A metodoloxía é eminentemente práctica, intercalando pequenos períodos explicativos con diversas actividades individuais e/ou grupais.
Os contidos baséanse na publicación 'Caderno de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido', elaborado por profesionais de Dano Cerebral Galicia.
A actividade diríxese a coidadoras, especialmente se exercen este rol de forma informal con persoas con dano cerebral adquirido.
A primeira edición do curso realizouse en modalidade presencial en 2024 e desde entón contou coa participación de 23 persoas.
A actividade comezou a impartirse en 2024 grazas ao financiamento da Consellaría de Política Social e Igualdade, no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
Queres que organicemos un obradoiro?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade