Este curso está destinado a capacitar ás persoas responsables do apoio e coidado de persoas con dano cerebral adquirido para a súa atención específica no domicilio.
O obxectivo da formación é mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido a través da capacitación de quen se fai cargo do seu coidado no fogar. Con este fin, o curso ofrece pautas e recomendacións para o coidado cotiá de persoas con dano cerebral adquirido, tanto desde o punto de vista das posibles secuelas como doutras dimensións que inflúen no seu benestar.
Ademais, a formación tamén redunda positivamente nas persoas coidadoras, quen aprenden técnicas para limitar o desgaste, tanto físico como emocional, derivado do labor de atención a unha persoa con dano cerebral.
O programa desenvólvese tanto en formato presencial como en modalidade virtual a través da Escola Dano Cerebral con unha duración de 18 horas.
O temario está composto por 10 unidades e combina aspectos teóricos e prácticos. Ademais do capítulo introdutorio sobre os dereitos das persoas con dano cerebral adquirido o rol da familia, o programa didáctico aborda aspectos relativos á detección do dano cerebral; pautas para avaliar a evolución da persoa con dano cerebral adquirido; comunicación e habilidades comunicativas; alteracións cognitivas e condutuais; accesibilidade e produtos de apoio; alimentación, deglutición e medicación; tratamento da intimidade e da privacidade; hixiene, curas e prevención de úlceras, e, acompañamento no tempo libre e actividades de lecer.
Os contidos foron elaborados por un grupo de traballo multidisciplinar composto por profesionais de Dano Cerebral Galicia e das súas cinco asociacións.
O curso diríxese tanto a profesionais sociosanitarias dedicadas á atención e coidado de persoas do colectivo (especialmente persoal dos Servizos de Axuda no Fogar municipais e profesionais de centros non especializados en dano cerebral adqurido) como a persoas coidadoras informais.
A primeira edición do curso realizouse de forma virtual en 2021 e desde entón formou a 628 persoas, sumando ás participantes das modalidades presencial e virtual.
As x edicións realizadas até o de agora contaron con financiamento de diversas administracións e institucións, así como coa colaboración de diferentes organismos, asociacións e colectivos. As entidades financiadoras son a Consellería de Política Social e Igualdade, no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF (é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na declaración da renda); a Fundación “La Caixa’; o Grupo TRAGSA; e, no marco do Proxecto Rumbo, o Ministerio polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
Queres que organicemos este curso nalgures?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade