Este curso está destinado a capacitar equipos profesionais de centros residenciais non especializados na atención de persoas con dano cerebral adquirido.
O obxectivo da formación é proporcionar pautas de actuación que guíen a atención e o apoio a persoas con dano cerebral que residen en centros non específicos para esta discapacidade.
O programa desenvólvese en formato presencial e ten unha duración de 9 horas.
O temario estrutúrase arredor de oito unidades. Tras un capítulo introdutorio sobre o dano cerebral adquirido, o programa aborda a autonomía e a vida independente; o dereito á intimidade e á privacidade; a prestación de apoios nas actividades da vida diaria (incluíndo os tipos de apoio e no relativo alimentación, vestido, ducha, hixiene persoal, uso de WC, prevención de úlceras e mobilidade funcional); acompañamento nas actividades de ocio; alteracións da comunicación; e alteracións da deglutición. O temario finaliza cun tema práctico para a prevención de atragoamentos.
Os contidos foron elaborados por un equipo multidisciplinar de Dano Cerebral Galicia a raíz das conclusións extraídas na investigación ‘Estudo sobre a atención ao dano cerebral en recursos residenciais non específicos galegos’, realizada no marco do ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’.
A formación diríxese aos diferentes perfís profesionais dos cadros de persoal das residencias galegas non especializadas na atención e coidado de persoas con dano cerebral adquirido, especialmente a quen presta atención directa ás persoas residentes.
A primeira edición do curso realizouse en modalidade presencial en 2024 e contou coa participación de 67 persoas.
A primeira edición da formación realizouse no marco do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
Queres que organicemos este curso nalgures?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade