Este curso busca proporcionar información de utilidade para a abordaxe das dificultades e particularidades que presenten a alimentación, a deglutición e a nutrición en persoas con dano cerebral adquirido nas fases subaguda e crónica, así como ofrecer técnicas compensatorias e de tratamento no eido domiciliario.
O dano cerebral adquirido pode provocar alteracións en tres esferas intimamente relacionadas: a alimentación, referida á preparación e organización de alimentos ou líquidos para levalos á boca; a deglutición, que implica trasladar o bolo alimenticio da cavidade oral ao estómago; e a nutrición, o proceso biolóxico mediante o que o organismo incorpora, transforma e utiliza os nutrientes contidos nos alimentos.
O obxectivo da formación é proporcionar recursos útiles para a abordaxe das dificultades e particularidades nestes tres eidos a través de técnicas compensatorias e de tratamento no eido domiciliario e especificamente para persoas en fases subaguda e crónica.
O programa desenvólvese tanto en formato presencial como en modalidade virtual a través da Escola Dano Cerebral e ten unha duración de 50 horas.
O temario estrutúrase en seis unidades que abranguen a definición do dano cerebral adquirido (causas, fases e epidemioloxía) e a súa relación coa alimentación (definición, secuelas, produtos de apoio e estratexias e posicionamento); a deglutición (fases e estruturas implicadas na deglutición, así como fases e tipos de disfaxia); a nutrición (requirimentos de enerxía e nutrientes, grupos de alimentos e pirámide alimentaria, requirimentos de hidratación, adaptación da dieta en disfaxia e necesidades de suplementación no DCA/disfaxia); a medicación (centrada nas estratexias de adaptación das formas farmacéuticas) e a hixiene bucodental.
Os contidos foron elaborados por un grupo multidisciplinar composto por profesionais de Dano Cerebral Galicia e Asteria M. Luzardo Álvarez, Laura Sanjulián Fernández e Patricia Regal López, profesoras da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela. O traballo conxunto realizouse no marco do convenio de colaboración asinado entre a Federación e a USC co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación, a divulgación e a información sobre o dano cerebral adquirido e a nutrición.
A formación diríxese a familias, profesionais sociosanitarias e público xeral interesado en adquirir coñecementos especializados nesta materia.
A primeira edición do curso realizouse en 2023 e desde entón formou a 116 persoas, sumando ás participantes das modalidades presencial e virtual.
As edicións realizadas até o de agora contaron con financiamento da Consellaría de Política Social e Igualdade no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF (é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda) e, no marco do Proxecto Rumbo, do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
Queres que organicemos este curso nalgures?
Ponte en contacto connosco a través do formulario de contacto.
Solicitude de actividade