O programa 'STOP Fenda Dixital na atención ás persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias' ten como obxectivo global de mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral e da súa contorna familiar a través de accións de transformación dixital.
O programa execútase de forma continua desde 2020 a través do desenvolvemento de diferentes obxectivos específicos ao longo dos anos, entre os que se poden destacar:
- O impulso da dixitalización de Dano Cerebral Galicia e das cinco asociacións federadas a través do deseño e elaboración do seu correspondente Plan de Transformación Dixital.
- A implantación de solucións e ferramentas dixitais para a xestión de equipos, mellora de fluxos de traballo e capacitación tecnolóxica na Federacións e as súas entidades.
- O desenvolvemento das competencias dixitais das persoas con dano cerebral e as súas familias mediante accións de capacitación e formación.
No marco deste programa implantáronse metodoloxías, aplicacións e solucións tecnolóxicas adaptadas ás necesidades individuais e colectivas orientadas a consolidar as melloras implantadas e a adquirir unha cultura organizativa dixital nos equipos de traballo, órganos de goberno e base social. Desta forma, tentamos asegurar que as entidades do movemento asociativo do dano cerebral galego dixitalizan e actualizan os seus servizos, mellorando a calidade e a eficiencia da atención prestada e realizando unha xestión máis eficiente dos recursos.
Por outro lado, realízanse accións de capacitación e especialización en competencias dixitais dirixidas tanto a profesionais das entidades, co fin de que poidan asesorar, formar e informar posteriormente ás persoas con dano cerebral e ás súas familias, como ás propias usuarias das asociacións federadas. Por tanto, o proxecto contribúe a reducir a fenda dixital e a discriminación das persoas con dano cerebral e das súas familias derivada das dificultades de acceso a recursos tecnolóxicos e participación en espazos virtuais.
En total, desde a posta en marcha do programa beneficiáronse directamente máis de 2.700 persoas, residentes en localidades do catro provincias galegas.
O programa realízase co financiamento da Consellaría de Política Social e Igualdade, no marco dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.