Os traumatismos cranioencefálicos son unha das principais causas de dano cerebral adquirido. Prodúcense por golpes na cabeza, especialmente debido a accidentes de tráfico. Na maior parte de casos pódense evitar.
Os traumatismos cranioencefálicos (TCE) prodúcense tras un repentino e forte golpe na cabeza. Este xera unha lesión nas estruturas cerebrais, que pode ser primaria, cando é por un impacto directo sobre o cranio ou polo movemento de aceleración e/ou desaceleración que se produce no mesmo, ou secundaria, cando se desenvolve trala lesión primaria (hemorraxia, hematoma, presión cranial etc.).
A principal causa de traumatismo cranioencefálico que desemboca en dano cerebral adquirido son os accidentes de tráfico, pero tamén son causas comúns os accidentes laborais, as caídas (especialmente, nas persoas maiores) ou os golpes producidos durante a práctica deportiva ou como resultado de agresións físicas.
As lesións máis habituais son as contusións por golpe e contragolpe, as contusións polo rozamento coas estruturas óseas da base do cranio e a lesión axonal difusa (é dicir, o dano sobre unha área ampla do cerebro, nos traumas graves).
Este conxunto de lesións adoita verse acompañado nas fases iniciais pola formación dun importante edema cerebral e a consecuente perda de conciencia ou 'coma'. A profundidade da perda de conciencia e a duración da mesma son dous dos marcadores principais para establecer a severidade do dano cerebral resultante.
(de momento sen info)