Ademais do ictus e dos traumatismos cranioencefálicos, existen outras causas do dano cerebral adquirido, que representan unha porcentaxe pequena do total de casos.
Son as seguintes:
Tumores cerebrais. Son un grupo de células anormais que crece e se multiplica no cerebro ou arredor del e que poden lesionar de forma directa diferentes partes do cerebro, destruíndo as células sas. Tamén poden danalas indirectamente ao causar inflamación, presión dentro do cranio ou un edema cerebral. Ademais, tamén pode producirse unha lesión consecuencia dunha intervención cirúrxica destinada a extirpar o tumor.
Falta de osíxeno. A falta de osíxeno total (anoxia) ou parcial (hipoxia) pode danar as células do cerebro provocando unha lesión nas estruturas cerebrais. A falta de osíxeno pode deberse, principalmente. a un fallo respiratorio ou a un paro cardiocirculatorio.
Doenzas metabólicas do sistema nervioso central. Moitas veces transitorias, prodúcense na súa maior parte por unha elevación súbita da tensión arterial.
Infeccións. Poden estar causadas por bacterias, virus ou fungos, que poden inflamar o encéfalo (causando encefalites) ou as capas que recubren o encéfalo e a medula (provocando meninxites).