O ictus é a primeira causa de dano cerebral adquirido, polo que é fundamental saber como previr a súa aparición, como identificar os seus síntomas e como reaccionar ante eles.
Os ictus prodúcense debido a unha interrupción ou redución na circulación do sangue que chega ao noso cerebro, privando aos seus tecidos de osíxeno e alimento. Como consecuencia, as células e o tecido cerebral comezan a morrer en cuestión de minutos.
Os ictus tamén son coñecidos con outros termos médicos e científicos como apoplexía, derrame cerebral, ataque cerebral, trombose cerebral, isquemia cerebral, embolia, accidente cerebrovascular (ACV) etc.
Existen dous tipos de ictus:
-
O ictus isquémico prodúcese por unha obstrución dun vaso sanguíneo ou dunha arteria, xa sexa do cerebro ou doutra parte do corpo, que impide que o fluxo sanguíneo chegue a unha parte de noso cerebro, causando unha trombose. É a tipoloxía máis habitual, presente no 80% dos casos. Tamén existe o accidente isquémico transitorio (AIT), un episodio breve, de menos dunha hora, e sen evidencia de infarto agudo, que se produce pola falta temporal de sangue nunha parte do cerebro. Considérase un sinal importante para establecer pautas de prevención na persoa que o sufriu.
-
O ictus hemorráxico prodúcese pola rotura dun vaso sanguíneo do cerebro ou por unha malformación arteriovenosa, o que provoca un sangrado que afecta ao tecido circundante. Son menos frecuentes, pero comprometen máis a supervivencia debido a que aumentan a presión cranial.
Detectar con rapidez un ictus é fundamental para salvar a vida de quen o está a padecer, xa que se debe aplicar canto antes tratamento para minimizar as súas posibles secuelas. A chave para unha rápida intervención é o coñecemento e identificación dos síntomas de alarma do ictus, coñecidos como os 3F, e poñerse en contacto inmediato cos servizos de emerxencias (no 112) ou urxencias médicas (no 061).
Os 3F son:
-
Fala: dificultades para falar ou expresarse. Exemplo: non es capaz de dicir palabras simples.
-
Forza: perda de forza nunha parte do corpo. Exemplo: ao ergueres os dous brazos, un deles cae por falta de forza.
-
Faciana: parálise facial ou sensación de formigo. Exemplo: non amosas todos os dentes ao sorrir.
Ademais dos anteriores, os síntomas máis habituais e inequívocos, outros sinais aos que debemos prestar especial atención son a aparición dunha forte e repentina dor de cabeza, problemas de coordinación e dificultades na visión ou visión borrosa.
Segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía, en Galicia prodúcense arredor de 7.000 novos casos de ictus cada ano. É a primeira causa de mortalidade en mulleres e a segunda en homes, cunha incidencia anual duns 150-250 casos novos por 100.000 habitantes e ano e unha taxa de mortalidade de 24-84 mortes por 100.000 habitantes e ano. Ademais, é a principal causa de discapacidade permanente na idade adulta e a segunda de demencia.
En termos absolutos, as cifras de incidencia por ictus da Enquisa de Morbilidade Hospitalaria (EMH) de 2021, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), sitúan a Galicia como a 5º comunidade autónoma con maior número de casos. En termos relativos, é dicir, segundo a taxa de altas con diagnose ‘ictus’ por cada 100.000 habitantes, Galicia sitúase tamén nos primeiros cinco territorios con maior incidencia de altas por esta causa.
Segundo datos do Servizo Galego de Saúde, en 2022 producíronse un total de 6.937 altas con diagnose principal de ictus, o que representa o 2,8% de todas as altas hospitalarias. Delas, o 52,8% foron homes e o 47,2% eran mulleres. En canto á distribución por idade, practicamente o 80,4% dos casos producíronse en pacientes de 65 ou máis anos.