O dano cerebral adquirido é unha discapacidade adquirida que pode chegar á vida dunha persoa en calquera momento. Con todo, as súas causas, xa sexan doenzas ou traumatismos, pódense previr na maioría dos casos. Por este motivo, unhas das nosas principais liñas de actuación céntrase na realización de actividades de divulgación, capacitación e promoción de hábitos de vida saudables na dimensión persoal, relacional e ambiental.
A aparición dun ictus non se pode evitar, porque existen factores de risco que non son modificables, pero si se pode previr, xa que hai outras variables sobre as que se pode incidir. De feito, a Organización Mundial da Saúde sinala que o 90% dos casos están asociados con factores de risco sobre os que se pode intervir (entre outros: a hipertensión arterial, o colesterol, a diabetes, a obesidade, o sedentarismo, o consumo de alcol, tabaco e outras drogas, e o estrés).
A principal pauta de prevención implica manter unha vida saudable e activa, tanto a nivel físico como cognitivo. Para logralo, é necesario aplicar as seguintes recomendacións:
-
Practicar exercicio con regularidade. A obesidade e a hipertensión son dous factores importantes de risco de ictus. Evitar o sedentarismo coa práctica regular de actividade física contribúe a manter o ton e a axilidade corporal e, ademais, fortalece o corazón, os pulmóns e as arterias. Con só 30 minutos de exercicio cinco veces á semana, pódese reducir as probabilidades dun ictus nun 25%.
-
Seguir unha dieta equilibrada. A miúdo, o sobrepeso implica ter niveis demasiado altos de azucre ou colesterol no sangue. Débese complementar o exercicio físico cunha alimentación sa e equilibrada, evitando graxas saturadas, sal, alimentos procesados e o consumo de alcol.
-
Coidar a saúde mental. Case 1 de cada 6 ictus están asociados coa saúde mental. Expoñerse con regularidade a situacións de tensión física ou emocional afecta á presión arterial, ao sistema inmunitario… Practicar técnicas de relaxación e solicitar axuda profesional, cando sexa preciso, é fundamental para evitar o estrés e/ou combater a depresión.
-
Vixiar con regularidade a tensión arterial e os niveis de colesterol. Hai que consultar sempre cunha profesional as dores e/ou molestias que se teñen e, por suposto, non automedicarse!
-
Descansar e durmir ben.
-
Non fumar. O fume dos cigarros contén monóxido de carbono, que reduce a cantidade de osíxeno en sangue, e nicotina, que provoca que o corazón latexe máis rápido, aumentando a presión sanguínea. Por iso, as persoas fumadoras teñen o dobre de risco de sufrir un ictus isquémico. Ao deixar o tabaco, o perigo redúcese á metade tras un ano.
-
Non consumir drogas.
-
Exercitar o cerebro. Aprender un idioma, ler, estar en contacto coa natureza, debater, facer un encrucillado, tocar un instrumento... Calquera pequeno desafío intelectual axuda a manter o cerebro esperto e activo. Estimular a neuroplasticidade axuda a previr o deterioro cognitivo e a responder mellor as posibles secuelas dun dano cerebral.
A seguridade viaria é fundamental para previr os accidentes de tráfico. Tanto cando circulamos cun vehículo como cando estamos na vía pública como viandantes, debemos seguir as indicacións e recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico e non descoidar ningún dos elementos de seguridade activa e pasiva:
-
A seguridade activa abrangue aqueles elementos que asisten á persoa que conduce para evitar accidentes durante a circulación, como os retrovisores, os freos ou a iluminación.
-
A seguridade pasiva correspóndese con mecanismos que axudan a minimizar as consecuencias se o accidente non se pode evitar. Por exemplo, portas ou cintos de seguridade deseñados para unha apertura doada, parabrisas e cristais laterais irrompibles para evitar cortes, ou o propio seguro do coche.
Desde o movemento asociativo de dano cerebral adquirido traballamos en coordinación coas organizacións de vítimas de accidentes de tráfico para reclamar máis medidas de seguridade nos vehículos, o correcto mantemento da rede de estradas, o desenvolvemento de campañas de prevención por parte das administracións e as accións punitivas contra as persoas responsables dos accidentes.
Unha caída é a consecuencia de calquera acontecemento que precipita a unha persoa ao chan en contra da súa vontade. As caídas afectan sobre todo ás persoas maiores, sendo especialmente perigosas para elas. Existen algunhas pautas para aplicar no día a día que nos poden axudar a previlas:
-
Facer exercicio físico regulamente.
-
Realizar unha visita ao centro de saúde, cando menos, unha vez ao ano, para facer revisións de oído e vista.
-
Preguntar ao persoal médico de referencia sobre os efectos secundarios dos medicamentos e facer bo uso deles, para mitigar posibles consecuencias indesexadas do seu consumo.
-
Erguerse con coidado despois dun repouso prolongado.
-
Retirar alfombras ou usar antiesvarantes.
-
Cambiar a bañeira por un prato de ducha.
-
Lembrar prender a luz ao erguerse pola noite.
-
Suxeitar a cadeira no momento de sentar para que non escape para atrás.
-
Agarrar o pasamáns para subir e baixar escaleiras.
-
Procurar non deixar obxectos tirados no chan.
-
Colocar os produtos de uso cotián o máis a man posible.
-
Empregar zapatos con sola de goma e que suxeiten ben o pé.
-
Ter coidado cos chans húmidos.
-
Poñer o teléfono preto do chan e escribir o número de emerxencias nun papel en grande, situado preto do teléfono e nun lugar visible.
Os traumatismos causados por golpes durante a práctica deportiva ou nunha actividade de xogo están detrás de boa parte dos casos de dano cerebral adquirido que afectan ás persoas máis novas. Para evitalos debemos:
-
Practicar o xogo limpo. Manter un comportamento respectuoso co equipo ou persoa rival, equipo arbitral e asistentes, así como non facer trampas e promover a convivencia e a deportividade.
-
Promover unha competición sa na que primen os valores do xogo e da diversión por riba dos da competitividade, evitando a violencia.