- Ámbito
- Galicia
- Data
O do Sergas é o primeiro Proceso Asistencial Integrado para a nosa discapacidade, englobando todas as causas, de España.
A Xunta de Galicia anunciou, nun comunicado emitido o 17 de decembro, que ten previsto culminar a implantación do Proceso Asistencial Integrado do Dano Cerebral Adquirido nas sete áreas sanitarias ao longo de 2025. O organismo sinala que se trata do "primeiro proceso asistencial integrado de España que engloba todas as causas de dano cerebral, sendo referente para outras comunidades autónomas".
O goberno autonómico salienta que se trata dun "plan pioneiro en España, que establece un marco integral para garantir unha atención personalizada e equitativa, de modo que asegura unha coordinación eficiente entre os diversos profesionais implicados no coidado dos pacientes, o que se traduce nunha mellora significativa da súa calidade de vida".
Ademais, ponse de manifesto a intención de asignar un código diagnóstico para a alta hospitalaria para o dano cerebral adquirido, o cal "permitirá poñer números reais á incidencia e prevalencia e así poder asignar mellor os recursos necesarios en todas as fases evolutivas".
Dous anos de traballo e un de incidencia
O PAI do dano cerebral presentouse hai un ano, o 12 de decembro de 2023, despois de case dous dun arduo traballo realizado por un grupo de traballo multidisciplinar no que estivo representado o tecido asociativo. O documento final difundiuse publicamente en maio, momento no que comezou o noso labor de incidencia para pedir a súa posta en marcha. Esta foi unha das demandas de lexislatura presentadas coa Valedora do Pobo en xuño. A continuidade asistencial tamén protagonizou o manifesto do movemento asociativo do dano cerebral a nivel estatal, con motivo do 26 de outubro. A demanda da súa posta en marcha volveu á sede da Valedora do Pobo na reunión que a Rede de Cidadanía Activa mantivo coa alta comisionada en novembro.
Así, Dano Cerebral Galicia saúda o anuncio da Xunta de Galicia, amosa a súa satisfacción pola intención da pronta posta en marcha do código diagnóstico para a alta hospitalaria, e mantense dispoñible para calquera tipo de colaboración coa Administración, así como atenta aos vindeiros pasos do Servizo Galego de Saúde.