- Ámbito
- Pontedeume | As Pontes
- Data
Presentamos dúas proxeccións do filme Fálame de ti, sobre un home que tivo un ictus, en Pontedeume, o 3 de xuño, e nas Pontes, o 5.
Presentamos unha nova edición do noso ciclo 'Visións sobre o dano cerebral adquirido no cinema', nesta ocasión en colaboración con EuroEume.
EuroEume é unha asociación de desenvolvemento local que reúne 40 colectivos agrarios, veciñais, culturais, ambientais, sindicais e cooperativas da comarca do Eume, coa que Dano Cerebral Galicia está a colaborar para informar e sensibilizar sobre o dano cerebral adquirido.
Sensibilización a través do cinema
Sensibilizar sobre o dano cerebral adquirido xerando debate e reflexión a través dun produto cultural que amosa unha realidade relacionada coa nosa discapacidade é o principal obxectivo desta actividade.
Nesta ocasión vaise proxectar o filme Fálame de ti (Un homme pressé. Hervé Mimran, 2018), unha película protagonizada por un home que ten un ictus que estraga a súa carreira profesional como exitoso home de negocios, causándolle fondas dificultades na fala e na memoria. Establece relación cunha logopeda, amosando o traballo de readaptación á nova situación que implica a chegada do dano cerebral adquirido.
Pontedeume e As Pontes
As sesións van ter lugar en dúas asociacións veciñais das que forman parte de Euroeume. A primeira delas será o martes 3 de xuño ás 16:00 na AVV Breamo (Campolongo, Pontedeume). A segunda será o xoves 5 de xuño á mesma hora na AVV As Campeiras (As Pontes).
Ambas proxeccións son gratuítas, pero cómpre inscribirse contactando coa terapeuta ocupacional de EuroEume a través do teléfono 664 845 694 ou do correo electrónico terapiaocupacional@euroeume.org.
Organizado por Dano Cerebral Galicia e Euroeume, o ciclo conta tamén cos apoios das dúas asociacións veciñais que o acollen, así como do Concello de Pontedeume, no caso da de Campolongo. Ademais, esta iniciativa conta co financiamento da Consellería da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda-.