- Ámbito
- Madrid
- Data
A orde, aprobada en xullo, reforza o papel do tecido asociativo establecendo un marco estable para coordinar o labor dos dous axentes.
O 14 de xullo aprobouse no Consello de Ministros unha norma para regular o recoñecemento ás entidades do Terceiro Sector de Acción Social, establecendo un marco estable de colaboración coa Administración Xeral do Estado, para reforzar que a acción pública sexa máis inclusiva e colaborativa ao incluír a voz das asociacións.
O texto legal establece uns requisitos para que as entidades sen ánimo de lucro poidan obter un recoñecemento como entidade colaboradora coa Administración Xeral do Estado, estabilizando a súa presenza no deseño, desenvolvemento e avaliación das políticas sociais.
Eses requisitos inclúen que se desenvolvan actividades de interese xeral, unha antigüidade de cinco anos, que os órganos de representación non teñan retribución con cargo a fondos públicos e que a entidade teña unha estrutura suficiente ou un certificado de Calidade. Créase unha Comisión de Avaliación integrada por representantes de dez ministerios e presidida polo de Dereitos Sociais, que será o órgano que avalíe as solicitudes.
A norma achega seguridade xurídica e favorece a participación na gobernanza mediante a representación máis axustada das necesidades dos grupos beneficiarios das políticas sobre as que se adoptan decisións, mellorando tamén o aproveitamento de recursos.
As entidades do Terceiro Sector van ver como se simplifica a burocracia nos procedementos de solicitude de subvencións, poderán optar a convenios, vanse beneficiar de medidas para o reforzo da súa sustentabilidade e obterán un distintivo oficial como entidade colaboradora da Administración.
Este real decreto vai entrar en vigor o 2 de xaneiro de 2027.