- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
As sesións, dirixidas a maiores de 50 anos, celebraranse en 11 localidades co obxectivo de mellorar o coñecemento sobre o dano cerebral adquirido.
A Federación Galega de Dano Cerebral e Afundación colaboran na organización dunha xeira de sesións de cinefórum durante o mes de outubro para incrementar o coñecemento sobre o dano cerebral adquirido.
Por terceiro ano consecutivo, ambas entidades volven sumar forzas para o desenvolvemento dunha programación de sensibilización dirixida a persoas maiores de 50 anos, optando nesta ocasión polo emprego do audiovisual como recurso para divulgar información sobre as causas e secuelas do ictus, así como para reflexionar sobre a representación da discapacidade, os estereotipos e os estigmas.
Con este fin, durante as sesións, que se celebrarán nos Espazos+60 e sedes de Afundación de 11 localidades, proxectarase a película 'Háblame de ti', que posteriormente será analizada de forma colectiva a través dun coloquio, no que se abordará a importancia de coñecer os signos e síntomas de alarma do ictus, así como as pautas de actuación en caso de sufrir unha lesión cerebral.
Programa de sesións
As sesións celebraranse en 11 localidades nas seguintes datas e horarios:
- Ourense: 08/10 | 17.00 h. Sede Afundación.
- Vigo: 15/10 | 17.30 h. Sede Afundación
- Ferrol: 17/10 | 17.30 h. Espazo +60
- Monforte: 21/10 | 18.00 h. Espazo +60
- Pontevedra: 22/10 | 17.30 h. Sede Afundación
- Betanzos: 23/10 | 17.30 h. Espazo +60
- Viveiro: 24/10 | 18.00 h. Espazo +60
- Lugo: 24/10 | 18.30 h. Sede Afundación
- Pontedeume: 30/10 | 17.30 h. Espazo +60
- Santiago: 31/10 | 17.30 h. Espazo +60
- A Coruña: data por confirmar.
Modo de inscrición
As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso inscribirse previamente dado que o aforo é limitado. As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia e as demais poden cubrir o formulario de inscrición online ou chamar ao teléfono 881 943 148.
Financiamento
Para o desenvolvemento do ciclo de sesións, ademais do apoio loxístico da Afundación, conta co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.