- Ámbito
- Galicia
- Data
Dano Cerebral Galicia recolleu nun documento as súas demandas para garantir a inclusión e igualdade das persoas con dano cerebral.
'Folla de ruta para concellos inclusivos #PoloDanoCerebral' é o título do documento que Dano Cerebral Galicia presentou entre xuño e xullo aos grupos políticos, nunha rolda de contactos pechada o 28 do último mes nunha xuntanza coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Elaborada co obxectivo de realizar incidencia política perante as eleccións municipais, esta folla de ruta recolle as nosas demandas para garantir a inclusión, a igualdade de oportunidades e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral e das súas familias con medidas que se poden adoptar desde o ámbito dos concellos.
Os contactos iniciáronse o 16 de xuño cun encontro co grupo parlamentario do PSdG, no que a delegación de Dano Cerebral Galicia tivo a oportunidade de conversar con Silvia Longueira, representante electa do grupo [as dúas imaxes inferiores].
O 18 do mesmo mes, tamén en sede parlamentaria, Dano Cerebral Galicia presentou a folla de ruta a Noelia Pérez López, representante do grupo parlamentario do PP [fotografía de arriba á esquerda].
O 29 de xuño foi a quenda do grupo parlamentario do BNG. Dano Cerebral Galicia presentou as súas demandas ás parlamentarias Olalla Rodil e Ariadna Fernández [fotografía de arriba á dereita].
A rolda de xuntanzas pechouse o 28 de xullo co encontro con Patricia Vilán e Alberto Varela, secretaria xeral e presidente da FEGAMP [imaxe central].
En todas as ocasións, Dano Cerebral Galicia estivo representada pola súa directora, Leticia Vila, e o presidente, Luciano Fernández. Ademais, na primeira reunión, co PSdG, estivo presente tamén a membro da Rede de Cidadanía Activa Montserrat Terceiro.
"Compromiso local para unha inclusión real"
A proximidade das eleccións municipais levou a Dano Cerebral Galicia a elaborar un documento pensado para incidir nos concellos a prol deste colectivo. Afirmando que "os dereitos non poden depender do código postal", a Federación reclama un "compromiso local para unha inclusión real". A folla de ruta completa pode descargarse aquí.

As demandas están articuladas en seis áreas, comezando pola de accesibilidade universal. Proponse a elaboración de plans municipais neste sentido, asegurando a participación das persoas con dano cerebral e promovendo a formación continua do persoal dos concellos ao tempo que se desenvolven campañas de concienciación.
A mobilidade ocupa o segundo capítulo. Búscase que sexa inclusiva, segura e autónoma, a través de bonificacións, da garantía de prazas de estacionamento e da mellora da rede de transporte público facilitando o seu uso no rural con criterios de accesibilidade universal.
Os coidados ocupan o terceiro epígrafe, promovendo a capacitación e apoio aos servizos sociais municipais e ás familias e colaborando co tecido asociativo para avanzar nun modelo centrado na persoa.
O cuarto eixo de demandas é a inclusión sociolaboral a través da inclusión de cláusulas sociais na contratación pública, así como da garantía da reserva legal de prazas; fomentar a contratación de entidades de iniciativa social e promover programas de emprego inclusivo.

A cultura e o ocio centran o quinto apartado, a través do que se pretende garantir o acceso a este tipo de recursos, ofertando unha programación inclusiva que favoreza así mesmo a visibilidade das persoas con dano cerebral. Demándase tamén a bonificación dos prezos de entradas para persoas acompañantes das que teñen dano cerebral adquirido.
Pecha a folla de ruta inclusiva a participación real: que se teña en conta a voz do noso colectivo. Proponse a creación dunha Concellería e dunha Comisión de Discapacidade, que sigan plans estratéxicos de inclusión nos que se fomente a participación das persoas con dano cerebral, con orzamento suficiente.