- Ámbito
- A Coruña
- Data
Pedro Blanco recolleu as nosas principais necesidades nunha xuntanza con Luciano Fernández (presidente de Dano Cerebral Galicia), Manuela Candal (vogal) e Leticia Vila (directora).
Representantes de Dano Cerebral Galicia mantiveron onte, 13 de novembro, unha reunión de traballo co delegado do Goberno, Pedro Blanco. En concreto, o presidente da Federación, Luciano Fernández, a vogal da xunta directiva, Manuela Candal (que representa tamén a Dano Cerebral A Coruña ADACECO), e a directora da entidade, Leticia Vila, desprazáronse á sede da Delegación do Goberno, na Coruña, para este encontro.
Pedro Blanco trasladou a Dano Cerebral Galicia o seu "agradecemento polo encomiable labor que desenvolve esta entidade na promoción da autonomía persoal das persoas con dano cerebral adquirido e o apoio que prestan ás súas familias, un obxectivo, o de mellorar a vida das persoas, que tamén comparte este Goberno", apuntou.
Durante a xuntanza co delegado do Goberno expresáronse as principais demandas do colectivo do dano cerebral adquirido, salientando as necesitades asistenciais. Os recursos específicos actuais (rehabilitación, atención diúrna, atención residencial, atención ocupacional etc.) chegan a unha ínfima parte das máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido que hai en Galicia.
O manifesto do Día do Dano Cerebral 2024 centrouse precisamente na demanda da garantía da continuidade asistencial, un dereito que teñen as persoas unha vez son dadas de alta do hospital.