- Ámbito
- Galicia
- Data
A Federación culminou e rexistrou este mes de decembro unha remuda do seu regulamento que actualiza e dinamiza o seu funcionamento.
A poucas semanas de que finalice 2025, quedaron oficialmente rexistrados os novos estatutos da Federación Galega de Dano Cerebral, que deixa atrás definitivamente as siglas "FEGADACE" para incluír, no seu documento normativo, a nova marca común do movemento asociativo: Dano Cerebral Galicia.
Trátase dunha renovación pensada para a consolidación legal da etapa aberta trala presentación, en xuño de 2024, da nova marca común do conxunto do asociacionismo do dano cerebral adquirido a nivel estatal.
Desde este mes, Dano Cerebral Galicia é oficialmente a denominación divulgativa e marca da razón social da entidade, que continúa a ser Federación Galega de Dano Cerebral.
Os estatutos están totalmente atravesados pola misión, visión e valores da entidade, que tamén se recollen no propio texto. Ao longo de 31 páxinas establecen a nosa definición, fins e medios para camiñar cara eles; determinan os mecanismos de integración -e tamén saída- na Federación, así como os tipos de entidades e persoas socias; e detallan os órganos de goberno e funcións dos mesmos, consolidando o equilibrio asociativo e territorial das entidades membro.
Cos novos estatutos tamén se sentan as bases para o desenvolvemento do Regulamento de Réxime Interno de Dano Cerebral Galicia, que virá a completar o modelo de xestión, transparente e eficiente, co que mellor traballar a prol da defensa de dereitos e calidade de vida das persoas e familias con dano cerebral adquirido en Galicia.
O proceso de renovación e revisión dos estatutos realizouse durante os últimos meses por parte da Xunta Directiva e aprobouse en Asemblea Xeral Extraordinaria o 9 de decembro de 2025.