- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
O galardón recoñece “o apoio na realización de accións de sensibilización”, poñendo trens e estacións ao servizo da prevención. O acto de entrega terá lugar o 22 de abril en Santiago, na Cidade da Cultura, no marco da III Xuntanza de persoas e familias con dano cerebral.

O “compromiso coa defensa dos dereitos das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias” a través do “apoio na realización de accións de sensibilización para a identificación e prevención da nosa discapacidade” son os principais aspectos salientados pola Xunta Directiva de Dano Cerebral Galicia á hora de seleccionar a Renfe Viajeros como a entidade galardoada co 13º Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco.
Renfe Viajeros leva dous anos poñendo os principais trens e estacións da rede ferroviaria galega a disposición de Dano Cerebral Galicia para o desenvolvemento da campaña ‘Non se pode previr o que non se coñece’. Centrada nas secuelas invisibles (cognitivas, condutuais, sensoriais...), co obxectivo de amosalas, axudando a que toda a poboación poida recoñecer o dano cerebral adquirido e seguir pautas de prevención das súas causas, esta campaña estivo presente nas principais estacións galegas e en todos os trens do Corredor Atlántico, que conecta A Coruña, Santiago, Vigo e Ourense.
Unha porta aberta por Renfe Viajeros a miles de persoas usuarias dos seus servizos, que diariamente, durante un mes en cada edición, puideron empaparse da mensaxe de identificación e prevención do dano cerebral. Esta campaña desenvolveuse en 2023 e 2024 durante o mes de outubro, reforzando e apoiando as conmemoracións do Día Nacional do Dano Cerebral (día 26) e do Día Mundial do Ictus (día 29).
Dano Cerebral Galicia quixo recoñecer tamén “o compromiso de Renfe Viajeros coa accesibilidade física (prazas H, acompañamento), cognitiva (guías en Lectura Fácil) ou sensorial (apoios para persoas con discapacidade auditiva)”, así como “as accións de concienciación sobre diversas áreas sociais como a discapacidade en xeral, a saúde mental, a igualdade ou a sustentabilidade”.
Entrega no marco da Xuntanza do movemento asociativo
O acto de entrega do galardón vai ter lugar o martes 22 de abril en Santiago de Compostela, durante a III Xuntanza de persoas e familias con dano cerebral adquirido. A cita é na Cidade da Cultura e o horario exacto de entrega do premio son as 13:00 horas.
A Xuntanza é un punto de encontro de todo o tecido asociativo local (composto por Alento, Dano Cerebral A Coruña ADACECO, Dano Cerebral Lugo, Dano Cerebral Santiago de Compostela e DCA Ourense), que Dano Cerebral Galicia organiza cada dous anos para celebrar e compartir os avances e inquedanzas de todas as persoas e familias socias. Cunha perspectiva lúdica, o programa comeza cunha mesa titulada ‘Máis alá dos coidados: as familias como motor das asociacións’. Terá lugar antes da entrega do premio. A seguir haberá un xantar e unha sobremesa de baile.
Un premio con 13 anos de historia
Como é costume, Renfe Viajeros vai recibir o 13º Premio Dano Cerebral das mans do anterior galardoado: o Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo, que recibiu o 12º galardón en 2024. En concreto será o director do CPAP, Francisco Nieto Pol, quen faga entrega da figura do premio, elaborada nos obradoiros de Alento, a nosa asociación de Vigo, a Ángel Moisés Durán Iriarte, xerente de Área de Servizo Público de Galicia de Renfe Viajeros.
A orixe do galardón atópase nas distincións entregadas en 2012 no I Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral, no que se recoñeceu ao psicólogo clínico Miguel Anxo García e outras persoas especialmente implicadas no traballo das asociacións. Un ano despois, estes recoñecementos institucionalizáronse a través do premio, que en 2016 incorporou o nome do neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro de 2015. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe outorgando o seu nome ao premio, que el mesmo recibiu no ano 2014.
Se comezou a súa andaina como Premio FEGADACE, para pasar a ser Premio FEGADACE – Miguel Blanco, en 2024, coincidindo coa incorporación do tecido asociativo do dano cerebral a nivel local, autonómico e estatal á marca común ‘Dano Cerebral’, o galardón renomeouse como Premio Dano Cerebral Galicia – Miguel Blanco.