- Ámbito
- Galicia
- Data
‘Non se pode previr o que non se coñece’ é o lema da campaña que se pode ver nos trens do Corredor Atlántico e nas principais estacións ata o 3 de novembro.
A iniciativa, con motivo do Día do Dano Cerebral, salienta a existencia de secuelas invisibles para retratar as características desta discapacidade.

‘Non se pode previr o que non se coñece’ é o lema sobre o que se asenta a campaña coa que Renfe e Dano Cerebral Galicia colaboran durante o mes de outubro para dar a coñecer esta discapacidade, que teñen máis de 35.000 persoas na nosa comunidade autónoma. A iniciativa desenvólvese este mes, coincidindo coa conmemoración do Día do Dano Cerebral o 26 de outubro, e do Día do Ictus na xornada do 29.
Xurxo, Carme, María, Ramón e Leo son as personaxes que protagonizan os carteis que se poden ver nos trens que percorren o que Renfe denomina o Corredor Atlántico (A Coruña e Vigo, Ourense-Santiago de Compostela e A Coruña) e nas principais estacións galegas (Vigo-Urzáiz, Vigo-Guixar, Lugo, Monforte de Lemos, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela e Ferrol). Os carteis amosan a esas cinco persoas antes e despois da chegada do dano cerebral adquirido, evidenciando que, aínda que non hai manifestacións físicas evidentes, todas elas teñen as chamadas secuelas invisibles.
Causado na maioría de ocasións por un ictus (78% dos casos), pero tamén por traumatismos cranioencefálicos, anoxias, tumores cerebrais e outras doenzas de menor importancia cuantitativa, o dano cerebral adquirido ten consecuencias a nivel cognitivo, condutual, emocional, comunicativo, sensorial e psicolóxico, dando un cambio radical e repentino á vida da persoa, e tamén da súa contorna social. Afacerse aos novos roles que se xeran e a convivir con esas secuelas é un dos retos que afrontan as persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.
Co dano cerebral adquirido perde sentido falar de discapacidade física, psíquica ou sensorial, pois poden ser moitas ao mesmo tempo e presentarse en diferentes proporcións e intensidades segundo o caso de cada persoa e o tipo de lesión.
Consciente do alcance desta discapacidade, Renfe quixo colaborar por segundo ano con Dano Cerebral Galicia dedicando un mes a sensibilizar ás persoas usuarias dos seus servizos de transporte sobre a existencia, características e posibilidades de prevención desta discapacidade, así como a concienciar sobre a realidade que vive o colectivo de persoas con dano cerebral adquirido e as súas necesidades de rehabilitación, apoio, coidados e inclusión social, nunha contorna libre de barreiras.
A campaña tamén dá a coñecer a existencia do tecido asociativo artellado en torno a Dano Cerebral Galicia, con ADACECO na Coruña, ADACE Lugo, Alento en Vigo, DCA Ourense e Dano Cerebral Santiago de Compostela.
Día do Dano Cerebral e Día do Ictus
Outubro é un mes de enorme relevancia para o tecido asociativo do Dano Cerebral Adquirido, coa conmemoración, o día 26, do Día Nacional do Dano Cerebral, e o día 29 do Día Mundial do Ictus.
Ambas efemérides, discapacidade e a súa principal causa, centran os esforzos de sensibilización e concienciación social de Dano Cerebral Galicia e as súas asociacións, cun mes cheo de actividades informativas e reivindicativas que teñen a súa guinda final o sábado 9 de novembro, coa ‘Xornada sobre o Dano Cerebral: Dende o asistencialismo ao pleno exercicio de dereitos’.