- Ámbito
- Madrid
- Data
Sonia Estévez, integrante desta plataforma de participación social, deu voz á experiencia das persoas con dano cerebral adquirido nesta pioneira iniciativa piloto.
A Rede de Cidadanía Activa para Persoas con Dano Cerebral estivo presente no evento de clausura do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', celebrado o mércores 11 de decembro na sede do Imserso baixo o título 'Un viaje hacia la transformación social'.
A xornada, formulada co fin de reflexionar arredor da desinstitucionalización e a vida independente das persoas con discapacidade, contou coa participación de representantes de administracións públicas, líderes do terceiro sector de acción social, integrantes das cinco conferacións que executaron a iniciativa (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, Daño Cerebral Estatal e AUTISMO ESPAÑA) e representantes das máis de 2.100 persoas beneficiarias da mesma.
Sonia Estévez, integrante da Rede e usuaria de Dano Cerebral A Coruña ADACECO, foi a encargada de poñer voz á experiencia das persoas con dano cerebral adquirido que, a través de distintas activididades desenvoltas no eido da asistencia persoal, a participación comunitaria e os servizos sociosanitarios de proximidade, se beneficiaron deste pioneiro proxecto.
Estévez, quen viu frustrada unha carreira laboral de 17 anos cando tivo un ictus, relatou o cambio radical de vida que supuxo a adquisición da discapacidade, tanto polas dificultades e barreiras que condicionaron a súa autonomía no día a día como pola perda de mobilidade e independencia económica. Nese senso, destacou a motivación derivada de participar nunha iniciativa como a Rede, sinalando que favoreceu que as súas integrantes puideran autoxestionarse e reclamar os seus dereitos en primeira persoa, así como contar cun espazo de socialización e construción de vínculos colectivos.
Aprendizaxes, replicabilidade e financiamento
Durante a xornada, persoal técnico especialista dalgunhas das 22 entidades implicadas no Proxecto Rumbo amosaron os principais resultados, fitos comúns e aprendizaxes acadados co fin de difundir o coñecemento xerado e avaliar a súa utilidade para mellorar o sistema de atención ás persoas con discapacidade.
Nese senso, as participantes lembraron a necesidade de que as administracións públicas garantan fondos que permitan dar continuidade aos servizos e recursos piloto postos en marcha, xa que coa finalización do período de execución do proxecto, desenvolto entre 2022 e 2024, remata tamén o financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos Next Generation da Unión Europea.
É o caso dos servizos sociosanitarios de proximidade, unha liña de actuación que tentou minimizar e reducir a ruptura asistencial que sofren as persoas con dano cerebral trala saída do hospital. Co fin de poder seguir a prestar atención domiciliaria a persoas en fase crónica ou de mantemento, Dano Cerebral Galicia está a buscar vías de colaboración e financiamento tanto coas Consellarías de Sanidade e de Política Social como mediante convocatorias de captación de fondos de entidades privadas.
No caso doutras accións desenvoltas ao abeiro de Rumbo, a Federación xa logrou garantir a súa continuidade. Así, durante 2025 continuarase o estudo sobre a presenza do dano cerebral en residencias non específicas desta discapacidade, recentemente distinguida co I Premio VITALIA-SENDA de Investigación e Innovación, seguirase a impartir o ciclo de sesións de capacitación para persoal destes centros, así como o resto da oferta formativa posta en marcha para diversos públicos e sobre distintas diversas temáticas, como o curso sobre 'Sexualidade e Dano Cerebral Adquirido' ou 'Alimentación, deglutición e nutrición no dano cerebral adquirido', entre outros.
Por outra banda, tamén terán continuidade iniciativas orientadas á garantir a plena inclusión social das persoas con dano cerebral, como as actividades de asesoramento sobre accesibilidade en actividades culturais vinculadas á campaña de ocio inclusivo ou á propia Rede de Cidadanía Activa.
Estratexia estatal de desinstitucionalización
Baseado nun modelo de intervención centrado na persoa desde un enfoque de dereitos humanos, o Proxecto Rumbo defende o dereito das persoas con discapacidade a tomar decisións sobre a súa vida e vivir cos apoios necesarios e suficientes para asegurar o seu poder de elección.
Esta perspectiva alíñase coa Estratexia Estatal para un novo modelo de coidados na comunidade: un proceso de desinstitucionalización (2024-2030), a folla de ruta ideada polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para transformar o modelo de apoios e coidados ás persoas que viven situacións de vulnerabilidade e exclusión, como persoas con discapacidade; persoas maiores; nenos, nenas e adolescentes en situación de risco ou de desamparo e persoas novas extuteladas; persoas en situación de senfogarismo, ou outros colectivos institucionalizados.
Durante a xornada, o documento foi presentado pola secretaria de Estado de Dereitos Sociais, Rosa Martínez, quen subliñou a importancia de os avances lexislativos se orienten a garantir a participación e a elección de apoios, promovendo a conexión coa comunidade e evitando a institucionalización.