- Ámbito
- Vilagarcía de Arousa
- Data
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, dará a saída ás máis de 130 participantes ás 11:00 na Praia do Preguntoiro.
13 nadadores e nadadoras con dano cerebral adquirido, xunto con 19 voluntarios e voluntarias de apoio, van participar este sábado, en igualdade de condicións co total de 134 persoas inscritas, na 3ª Travesía a Nado Polo Dano Cerebral. A cita é na Praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, o 11 de xullo. A entrada no mar está prevista para as 11:00, cunha duración máxima estimada da proba de dúas horas. A inscrición, de récord, marca a consolidación dunha proba que se organiza cada dous anos no areal arousán.
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, unha das entidades organizadoras xunto coa Fundación de Deportes da localidade, Dano Cerebral Galicia, e Arousaman-Arousawoman, vai dar a saída acompañando ao presidente da Federación de asociacións de dano cerebral adquirido, Luciano Fernández. Antes realizarán un pequeno saúdo ás nadadoras e nadadores, que se comezarán a concentrar na praia do Preguntoiro arredor das 10:30.
A directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, e o deputado de Acción Comunitaria da Deputación de Pontevedra, Javier Tourís, tamén van saudar ás persoas participantes desde a praia. A Consellería de Política Social e Igualdade, da que depende a devandita Dirección Xeral, é unha das entidades que financian, xunto coa Fundación José Otero – Carmela Martínez.
Tamén antes da entrada no mar haberá un pequeno discurso de Juan Ramón Martínez, de Arousaman-Arousawoman, animando e dando as derradeiras instrucións aos nadadores e nadadoras. A actividade vai estar todo o tempo animada con música e un cun speaker que retransmitirá toda a información de utilidade.
A actividade conta tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Eroski, Asociación Búsqueda e Salvamento, Daveiga, Gráficas Garabal e Galirent.
Terceira edición: a consolidación da proba
Esta é a terceira edición dunha proba deportiva non competitiva, totalmente aberta e inclusiva, na que participan en igualdade de condicións persoas con dano cerebral adquirido e persoas sen discapacidade ningunha. As 13 nadadoras e nadadores con dano cerebral levan meses adestrando, apoiadas polos membros de Arousaman-Arousawoman, coa Travesía como horizonte final dunha actividade que combina habilidades físicas, goce do ocio e certa ansia de superación pola participación na proba. Ese horizonte final, o obxectivo de completar a Travesía, repercute moi positivamente sobre o ton xeral e o ánimo das persoas co dano cerebral adquirido participantes no programa.
Coma sempre, hai dúas posibilidades: nadar unha milla, ou media milla náutica. A colaboración da Asociación Búsqueda y Salvamento de Galicia, xunto co voluntariado de Arousaman-Arousawoman, garanten a seguridade da proba con embarcacións, kaiaks e apoio en terra, nun circuíto totalmente perimetrado. Ademais, as persoas que así o precisan van acompañadas de dúas persoas voluntarias que as apoian, animan, marcan o percorrido e asisten no caso de emerxencias.