- Ámbito
- Madrid
- Data
Luciano Fernández salientou a aposta pola transformación do modelo de atención residencial para adaptarse ás necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.
"Este premio axúdanos a visibilizar as necesidades, invisibles, ao igual que moitas das secuelas da nosa discapacidade, que ten o colectivo de persoas con dano cerebral." Son palabras do presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández, no seu discurso de agradecemento ao recoller o Premio Vitalia-Senda de Investigación e Innovación na categoría de Atención Sociosanitaria, que recoñece o 'Estudio sobre la atención al daño cerebral en recursos residenciales no específicos gallegos'.
O presidente e a responsable de Proxectos de Dano Cerebral Galicia, Carla Miranda, asistiron á cerimonia de entrega, que tivo lugar esta mañá no CaixaForum de Madrid. Os Premios Senda, que promove o Grupo Senda, acadan este ano a súa 15ª edición. Dedícanse a recoñecer iniciativas, institucións e proxectos nas áreas de atención sociosanitaria e senior. Este ano é a primeira ocasión que Vitalia e Senda colaboran na concesión conxunta dun dos premios Senda.
Así, o xurado decidiu entregar este primeiro galardón Vitalia-Senda ao noso 'Estudio sobre la atención al daño cerebral en recursos residenciales no específicos gallegos'. A investigación, realizada por Dano Cerebral Galicia e publicada en 2023, analiza a presenza de persoas con dano cerebral adquirido en residencias non especializadas en discapacidade.
Como sinalou Luciano Fernández na recollida, tratouse "de identificar ás persoas con dano cerebral adquirido" usuarias de residencias, "co obxectivo de caracterizar mellor á nosa poboación, e de poder deseñar actuacións que permitan mellorar a calidade de vida e promover a vida independente" do noso colectivo. Ademais de salientar que o premio "anímanos a continuar xerando coñecemento sobre a nosa discapacidade", o presidente de Dano Cerebral Galicia declarou que a entidade vai seguir "apoiando aos centros residenciais para que a atención que prestan sexa de calidade e adaptada ás necesidades do noso colectivo".
Pechou o discurso de agradecemento subliñando que "a nosa aposta pola desinstitucionalización pasa tamén por unha transformación do modelo de atención nos centros residenciais, onde tamén é posible fomentar a autonomía e a vida independente das persoas" con dano cerebral adquirido.