- Ámbito
- Ourense
- Data
Os xogos que temos pola casa tamén poden axudarnos á rehabilitación tralo dano cerebral adquirido, cunha perspectiva lúdica.
Variar as técnicas e recursos favorece a flexibilidade cognitiva. Este é un dos motivos polos que en DCA Ourense empregan todo tipo de xogos, moi comúns, e presentes en todas as casas, para a rehabilitación tralo dano erebral adquirido.
Neste caso é o 'Quen é quen?', un tradicional xogo de mesa no que hai que concentrarse para averiguar, realizando preguntas, analizando as respostas e tirando conclusións, quen é o personaxe agochado ao outro lado do taboleiro.
No marco do adestramento en Actividades Básicas da Vida Diaria, a neuropsicóloga da asociación emprega o xogo con Manolo, que na imaxe está concentrado tentando discernir que personaxe escolleu a terapeuta.
O obxectivo da tarefa é traballar as funcións executivas: simultanear tarefas, realizar inferencias da información dispoñible, tomar decisións razoando con pouca información, reter e memorizar o que imos sabendo para chegar á solución.
Ademais, como o xogo é interactivo tamén se precisan habilidades de expresión e comprensión oral, que se adestran de xeito transversal xunto coa memoria e a atención. Por último, trátase dunah perspectiva lúdica do traballo rehabilitador, promovendo o benestar e a diversión da persoa con dano cerebral.