- Ámbito
- Galicia
- Data
Inclúe unha ampla exposición de boas prácticas para abordar unha atención de calidade tendo en conta as secuelas do dano cerebral.
Dentro das múltiples liñas de actuación despregadas no marco do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', Dano Cerebral Galicia estudou a situación do noso colectivo en centros residenciais non específicos e desenvolveu diferentes accións para a mellora da calidade da atención que as persoas con dano cerebral adquirido reciben nos mesmos.
En 2024 desenvolvemos un ciclo de formación en residencias; centros cos que agora compartimos o documento 'Apoyo a personas con daño cerebral adquirido en entornos residenciales no especializados para la promoción de su autonomía y vida independiente. Guía de actuación'. O ciclo formativo dirixido a residencias desenvolveuse en 2024 nos centros Doralresidencias, de Mos, Ballesol de Vigo, Serge A Veiga de Láncara, Esgos, e Volta do Castro, en Santiago. Eses centros son os que están, agora, a recibir a 'Guía de actuación' que Dano Cerebral Galicia vén de publicar.
A Guía de actuación foi concibida para que calquera persoa, ou recurso residencial, dispoña de información, orientación e recursos para, en calquera momento, incorporalos ao seu modelo de atención específico para a poboación con dano cerebral adquirido. O Proxecto Rumbo tratou de desenvolver modelos innovadores de apoio á vida independente na óptica da desinstitucionalización. Porén, a mellora da calidade da atención en residencias tamén contribúe a potenciar a autonomía persoal, traballando na mesma liña estratéxica.
Estrutúrase nun marco que define o dano cerebral adquirido e o seu contexto a nivel de presenza en residencias, contextualiza os conceptos de vida independente e calidade de vida, e caracteriza un novo modelo de vida independente nos recursos residenciais. A continuación, entra en materia para achegar boas prácticas na atención ao dano cerebral en función das diferentes necesidades de apoio que poden xurdir, así como das secuelas que distinguen a nosa discapacidade: alimentación, mobilidade, vestido, hixiene, intimidade ou participación social son algunhas das súas principais áreas.
O estudo sobre atención residencial, publicado en decembro de 2023, revela que o 89% das residencias con persoas usuarias con dano cerebral están especializadas en persoas maiores. Polo seu carácter pioneiro, dado que non existían investigacións deste tipo en Galicia, así como pola valía dos resultados, foi distinguido co Premio VITALIA-SENDA de Investigación e Innovación, que o presidente de Dano Cerebral Galicia, Luciano Fernández, recolleu o novembro pasado en Madrid.