- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Entre as participantes nas 8 formacións impartidas hai persoas con dano cerebral, familias, persoas coidadoras, profesionais sociosanitarias e alumnado de formación profesional e graos universitarios.
As barreiras de acceso ás que moitas persoas se enfrontan á hora de cursar unha formación especializada de atención e apoio á vida autónoma e independente de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia son moi significativas: á alta dispersión xeográfica, á deficitaria cobertura da rede de internet nas zonas rurais, e á concentración da oferta formativa en contornas urbanas, súmase o predominio dun modelo de capacitación e apoderamento de corte tradicional, proteccionista ou asistencialista e a inexistencia dun catálogo formativo dependente de organismos públicos.
Por este motivo, entre 2022 e 2024 Dano Cerebral Galicia deseñou e puxo en marcha un amplo programa de apoderamento orientado a sentar as bases dunha oferta formativa especializada e de calidade, destinada, fundamentalmente, a que as persoas con dano cerebral adquiran coñecementos que faciliten o desenvolvemento dos seus proxectos de vida independente.
Esta liña de actuación, un dos tres piares, xunto a atención terapéutica a domicilio e as accións en centros residencias, que conformaron os servizos sociosanitarios de proximidade do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', permitu formar a 564 persoas de toda Galicia a través de 8 cursos formativos, desenvoltos en modalide virtual e de forma presencial en 10 concellos.
A continuación, detállanse os principais resultados das accións desenvoltas, ás que tamén se fai alusión na seguinte crónica audiovisual.
Formación integral
O programa de apoderamento foi diseñado e implementado co obxectivo de abordar diversas temáticas vinculadas co exercicio dos dereitos das persoa con dano cerebral pero tamén coa mellora da súa atención e coidado por parte dos distintos colectivos implicados na mesma.
Unha das accións que maior interese espertou foi 'Dereitos das persoas con dano cerebral adquirido desde un punto de vista práctico', unha actividade orientada a facilitar o coñecemento dos cambios derivados da entrada en vigor da Lei 8/2021, de 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio das persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica. Con este fin, en primeiro lugar elaborouse a 'Guía Legal para Persoas con DCA. Lei 8/2021 e outra normativa de interese' en colaboración con Miguel Vieito e, posteriormente, programouse un ciclo des sesións divulgativas co fin de presentar o documento e resolver dúbidas sobre as mudanzas na lexislación.
A formación impartiuse presencialmente, en colaboración coa EGSC, entre marzo e outubro de 2024 a través de nove edicións: cinco delas tiveron lugar nas sedes das asociacións de Dano Cerebral Galicia, e o resto realizouse nos concellos lucenses de Sober e Burela, e no Centro de Promoción de Autonomía Persoal (CPAP) de Bergondo na Coruña. Ademais, en colaboración co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, ofreceuse unha edición virtual. En total, entre ambas modalidades, participaron 224 persoas, entre as que se atopaban persoas coidadoras, profesionais de servizos sociais comunitarios municipais, especialmente do eido do traballo social, e profesionais do movemento asociativo do dano cerebral.
Por outro lado, impartíronse tres formacións centradas en garantir unha mellor calidade de vida das persoas con dano cerebral a través da capacitación sobre distintos aspectos do seu día a día. En primeiro lugar, o curso 'Apoio no fogar a persoas con dano cerebral adquirido para o fomento da autonomía e a vida independente', de dez horas de duración, desenvolveuse de forma presencial a través de cinco edicións celebradas nos concellos de Cee, A Coruña e Ponteceso cun total de 112 participantes, entre as que se atopaban persoas coidadoras. técnicas dos Servizos de Axuda a Domicilio (SAD) municipais, e alumnado de ciclos de formación profesional vinculados á atención á discapacidade e dependencia, como son os de TAPSD e os TCAE. O curso impartiuse entre marzo e maio de 2023 en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns (EGSC), organismo dependente do Sergas que, grazas ao convenio de colaboración existente, incluírono na súa formativa reglada.
En segundo lugar, dentre decembro de 2022 e agosto de 2023, impartiuse a formación 'Sexualidade e dano cerebral adquirido'. Dispoñible a través da modalidade de teleformación, consta de 50h lectivas e ofreceuse en edicións, dirixidas a profesionais de Dano Cerebral Galicia e as súas asociacións, a profesionais de CDR O Viso e a público en xeral, cun total de 82 participantes.
A terceira formación, 'Alfabetización dixital para persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias/persoas coidadoras' impartiuse presencialmente entre marzo de 2023 e xuño de 2024, con apoio da plataforma de teleformación Escola Dano Cerebral, a todas aquelas persoas usuarias dos servizos sociosanitarios de proximidade que o considerasen pertinente. En total, desenvolvéronse 63 sesións formativas, cunha duración total de 40 horas e 45 minutos, a 8 participantes.
Unha cuarta acción formativa foi 'Alimentación, deglución e nutrición en persoas con dano cerebral adquirido', orientada ao manexo autónomo, saudable e seguro da función nutricional e alimentaria das persoas con esta discapacidade. A posta en marcha desta pioneira formación implicou, primeiramente, a elaboración dun documento divulgativo, o Manual de abordaxe no dano cerebral adquirido: alimentación, deglución e nutrición, elaborado en colaboración coa Facultade de Nutrición e Dietética Humana da Universidade de Santiago de Compostela.
Tamén con esta institución se deseñou a formación, que se impartiu a través dunha edición virtual, con 36 participantes, e unha edición presencial, con 10 participantes. O curso, que tamén contou co apoio da EGSC para a difusión, loxística e emisión de certificados, tivo como principais destinatarias, ademais das propias persoas con dano cerebral e as súas familias, a técnicas do SAD, a alumnado de ciclos de atención á dependencia, de cociña e de dietética humana, así como estudantado dos graos universitarios en nutrición, terapia ocupacional e logopedia.
Finalmente, tamén se impartiron accións de menor duración. En marzo de 2023 desenvolveuse unha sesión formativa online sobre 'O novo baremo de discapacidade no dano cerebral adquirido', na que participaron 28 persoas, e dúas sesións que non estaban previstas inicialmente pero que se programaron trala detección dunha necesidade formativa non cuberta. É o caso da xornada 'Innovación nos servizos de atención ao dano cerebral adquirido', á que asistiron 28 estudantes da Facultade de Terapia Ocupacional da Universidade da Coruña, e da charla 'Aproximación social e nutricional ao dano cerebral adquirido', impartida en colaboración con Grao de Nutrición Humana e Dietética da USC e á que asistiron 36 persoas.
Materiais divulgativos
De forma complementaria á realización das formacións, o equipo de Dano Cerebral Galicia deseñou, ademais da xa mencionada Guía Legal, elaborou e publicou unha serie de manuais pedagóxicos con contidos especializados. Así, actualizouse cunha nova edición o manual de Apoio no fogar de persoas con dano cerebral adquirido, elaboráronse as publicacións de Sexualidade e dano cerebral adquirido, Alimentación, Deglución e Nutrición. Manual de Abordaxe no dano cerebral adquirido e a Guía de produtos de apoio para persoas con dano cerebral adquirido que proximamente compartiremos.