- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
As sesións, enmarcadas no Plan de Formación Interno, están a ser impartidas pola ASC Bombeiros de Galicia.
Os equipos profesionais de FEGADACE e das cinco asociacións que a conforman están a realizar sesións de formación en Soporte Vital Básico (SVB) e emprego da Desfibrilación Externa Semi-Automática (DESA) como parte do Plan de Formación Interna da Federación.
O curso, de seis horas de duración e unha metodoloxía que combina contidos teóricos e prácticos, está a ser impartida pola A.S.C Bombeiros de Galicia co obxectivo de divulgar os pasos que conforman a "cadea de supervivencia" ante un paro cardiorrespiratorio (PCR): a alerta precoz aos servizos de emerxencia, a resucitación cardiopulmonar (RCP), a desfibrilación e os coidados post-resucitación.
Así, a actividade abrangue as manobras de RCP, tanto en persoas adultas como pediátrica; a RCP instrumentalizada; outras prácticas de primeiros auxilios como a desobstrucción da vía aérea (adulta e pediátrica), o control de hemorraxias e a RCP a persoas accidentadas; así como coñecementos sobre a técnica de utilización, recollida de datos e o mantemento do DESA e un repaso á normativa vixente na materia en Galicia.
Trala sesión, as persoas participantes están en disposición de poder aplicar, en menos de 5 minutos, as manobras de RCPB e DESA a unha persoa que sufriu un PCR. Ademais, a formación permite a renovación do certificado obtido polas profesionais das entidades en 2021, cando, ademais do curso, se dotou ás asociacións de 18 desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) para a súa instalación nos centros e nos vehículos adaptados para o servizo de transporte.