- Ámbito
- Galicia
- Data
O 24 de xullo é o Día Mundial do Autocoidado, que serve para concienciar sobre a situación das persoas que prestan apoios informais na contorna familiar.
A OMS define o autocoidado como a capacidade das persoas, as familias e as comunidades para promover e manter a saúde e para previr enfermidades e facerlles fronte con ou sen o apoio dunha persoa traballadora da saúde ou asistencial.
A necesidade de preservar o autocoidado multiplícase cando o dano cerebral adquirido irrompe nunha unidade familiar. Un ictus, ou un traumatismo cranioencefálico -as principais causas do dano cerebral- aparecen de repente. Tralo período hospitalario -tamén chamado fase aguda-, moi breve, a persoa volve para a casa con secuelas, o que implica que hai outra que se converte en coidadora principal. Os roles familiares modifícanse totalmente e a persoa que presta apoios sofre un enorme impacto no seu día a día, cun alto risco de sobrecarga.
O perfil da persoa coidadora dunha persoa con dano cerebral adquirido é o dunha muller de 56 anos que coida da súa parella -home- ela soa e traballa como asalariada, segundo o estudo ‘O coidado informal no dano cerebral adquirido. Análise en clave de desigualdade de xénero’, elaborado por Dano Cerebral Galicia en 2021. Desta investigación despréndese tamén que o 78% de coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido son mulleres.
Atención a familias
Unha das demandas fundamentais do movemento asociativo do dano cerebral adquirido é que se teña en conta á familia como parte beneficiaria do proceso de atención, e non só como parte colaboradora. Por ese motivo desenvólvense tamén servizos e programas destinados á súa atención, desde o punto de vista da información ou da atención psicolóxica, entre outros.
Nesa liña, Dano Cerebral Galicia editou en 2024 un ‘Caderno de autocoidado para coidadoras de persoas con dano cerebral adquirido’ que presenta publicamente con motivo do Día Mundial do Autocoidado de 2025. Aínda que este material xa se empregou en diversos Obradoiros de Autocoidado impartidos pola Federación de asociacións galegas de dano cerebral, non se trasladou ao público xeral ata agora. Desde este 24 de xullo permanece dispoñible no apartado de Recursos da web de Dano Cerebral Galicia para descarga de todas as persoas que poidan estar interesadas.
Caderno de autoicodado
A través das súas 70 páxinas, o Caderno explica que é o dano cerebral adquirido, en que consisten as situacións de discapacidade, dependencia ou incapacidade que se poden derivar, detallando de xeito sinxelo as diferenzas, e achega un amplo catálogo de recursos de atención especializados, tanto para as persoas con dano cerebral adquirido -liberando, de xeito complementario, tempo para as coidadoras-, como para as familias en particular.
Nos capítulos centrados no labor de coidar defínese esta función, exponse a sintomatoloxía da sobrecarga da persoa coidadora, achéganse pautas para fomentar a corresponsabilidade e proporciónanse consellos para o autocoidado.
O enfoque é moi práctico, contando con exercicios que serven de punto de partida para reflexionar sobre o propio papel como coidadora, identificar situacións de risco de sobrecarga, coñecer os efectos sobre a propia saúde, física e mental, a actividade de coidar, ou como planificar o autocoidado.
Este Caderno editouse co apoio e colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF -é dicir, grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda- e do Grupo Tragsa.
Día do Autocoidado
O Día Mundial do Autocoidado foi creado en 2011 pola Federación Global do Autocoidado (GSCF) e conmemórase cada 24 de xullo. Serve para concienciar á sociedade sobre a importancia de coidar a propia saúde e benestar as 24 horas do día, e para sensibilizar sobre a situación das persoas en risco de sobrecarga por estaren coidando a outras persoas.