- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
A campaña de sensibilización para impulsar o deseño e organización de actividades e servicios accesibles e inclusivos no eido do ocio e a cultura retoma a súa programación de actividades. Trala presentación da iniciativa, realizada no marco da 16ª edición Feira das Culturas Galegas Culturgal, Dano Cerebral Galicia, en coordinación coas cinco asociacións federadas, organiza un ciclo de sesións informativas dirixidas a axentes públicos e privados con competencias nos equipamentos culturais e deseño, coordinación e execución de actividades de ocio.
Enmarcada no ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', a iniciativa procura concienciar a persoal das administracións públicas, empresas e profesionais da xestión cultural sobre as barreiras físicas, comunicativas, cognitivas, sensoriais e socioeconómicas que enfrontan as persoas con dano cerebral adquirido cando queren acceder ou participar nunha actividade lúdica ou cultural.
O obxectivo é promover o deseño de actividades de ocio e programación cultural dirixidas a todas as persoas con medidas favorecedoras da inclusión de quen ten discapacidade.
Con este fin, persoal técnico e usuarias das asociacións da Federación achegarán a realidade do colectivo e compartirán recomendacións para eliminar os principais obstáculos que impiden ou condicionan a participación igualitaria no acceso e goce das programacións culturais, os produtos de entretemento e/ou as actividades de ocio.
Sesións en cinco localidades
O ciclo de sesións arranca o martes 24 de setembro en Lugo. A actividade, organizada en colaboración con ADACE e a concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, terá lugar ás 12.00 h no Auditorio do Vello Cárcere (Praza da Constitución s/n). A asistencia é gratuíta, pero, por cuestións de aforo, é preciso inscribirse previamente no seguinte formulario: https://forms.office.com/e/Whp705VKsB
A seguinte xornada informativa será o 7 de outubro, ás 10.30 h, na sede da asociación Sarela en Santiago de Compostela (Rúa de Pedro Cabezas González, 3). Igualmente, por cuestións de espazo, é necesario apuntarse a través do seguinte enlace: https://forms.office.com/e/XRP13JynA2
O día 15 de outubro a charla realizarase en Culleredo. Será ás 12.00 h no salón de actos do Pazo de Vila Melania e a inscrición pode realizarse aquí: https://forms.office.com/e/qZ6HqDf016
As datas das sesións de Vigo e Ourense serán confirmadas proximamente.