- Ámbito
- Ferrol
- Data
O vindeiro xoves 19 de setembro a Universidade da Coruña celebra a 'Xornada de Benvida ao curso 2024-25' para o estudantado de novo ingreso dos campus da cidade herculina e de Ferrol. Por segundo ano consecutivo, participaremos no programa de actividade deportivas, culturais e medioambientais, organizado pola Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade.
Entre as 11:00 h e as 14:00 h, instalaremos unha mesa informativa na Praza Humanidades do Campus de Esteiro, en Ferrol. No posto, a educadora social da Federación ofrecerá a toda a comunidade universitaria información orientada ao coñecemento e prevención do dano cerebral adquirido, así como material divulgativo sobre os servizos ofrecidos por Dano Cerebral Galicia e as asociacións federadas.
O obxectivo é incrementar o coñecemento social sobre a realidade do dano cerebral adquirido e promocionar hábitos de vida saudables, capacitando á poboación na prevención das causas e na diagnose precoz dos síntomas de alarma do ictus, así como na abordaxe das secuelas desta discapacidade.
A presenza da Federación nesta actividade está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade con fondos con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.