- Ámbito
- Bruxelas
- Data
A Federación trasladou a instancias comunitarias a necesidade dunha codificación para o dano cerebral adquirido.
Daño Cerebral Estatal reclamou no Parlamento Europeo a creación dun código específico de Dano Cerebral Adquirido (DCA) á alta hospitalaria, unha medida clave que o movemento asociativo leva demandando durante décadas.
Este rexistro do dano cerebral como conxunto de secuelas, actualmente inexistente en sistemas sanitarios europeos, facilitaría unha adecuada planificación de recursos, o desenvolvemento de políticas públicas específicas e a posta en marcha de itinerarios integrais de atención sociosanitaria. Na actualidade, a codificación hospitalaria realízase en función da causa médica inicial —como ictus, traumatismo cranioencefálico ou anoxia—, sen identificar o DCA como a condición resultante que implica secuelas permanentes.
“Salvar a vida é só o primeiro paso. O que vén despois é unha realidade complexa que debe ser recoñecida e atendida con recursos adecuados”, subliñan desde Daño Cerebral Estatal.
O pasado xoves 2 de outubro tivo lugar unha visita ás instalacións do Parlamento Europeo en Bruxelas, á que acudiron unha delegación de membros da Xunta Directiva de Daño Cerebral Estatal e diferentes representantes de entidades do movemento asociativo entre as que se atoparon Luciano Fernández, presidente de Dano Cerebral Galicia, e Montse Terceiro, membro da Rede de Cidadanía Activa e da Xunta Directiva de Dano Cerebral Santiago de Compostela.
Ademais de visitaren o Parlamento, a delegación mantivo unha reunión de traballo con Sandra Gómez e Leire Pajín, ambas as eurodeputadas do grupo socialista, que mostraron o seu interese e vontade en apoiar esta reivindicación histórica.
Así mesmo, e tamén na sede do Parlamento Europeo, mantívose un encontro con Alejandro Moledo, director do European Disability Forum (EDF), no que ambas as organizacións compartiron puntos de vista e identificado posibles liñas de traballo conxunto para empuxar a iniciativa.
Código DCA: Recursos especializados, eficaces e eficientes
O Dano Cerebral Adquirido é unha lesión súbita nun cerebro previamente san, que pode xerar secuelas motoras, cognitivas, sensoriais, emocionais ou na comunicación. Pode afectar a funcións tan esenciais como o movemento, o fala, a memoria ou a xestión emocional, provocando un forte impacto na vida da persoa e da súa contorna.
Por iso, Daño Cerebral Estatal reivindica o acceso a unha rehabilitación multidisciplinar especializada, intensiva e continuada, así como o desenvolvemento de servizos de apoio emocional, psicolóxico e social que promovan a autonomía persoal e a inclusión comunitaria.
A existencia dun código no momento do alta hospitalaria permitiría garantir a continuidade da asistencia en todas as fases do proceso, asegurando información clara sobre o diagnóstico e o estado da persoa. Ademais, permitiría mellorar os datos sobre prevalencia do Dano Cerebral Adquirido e dimensionar adecuadamente os recursos necesarios para a súa atención, actualmente insuficientes.
Esta medida atópase recollida no I Plan Nacional para o Benestar Saudable das Persoas con Discapacidade 2022-2026, editado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, que recoñece a importancia desta codificación para a garantía efectiva da rehabilitación, así como para identificar se os recursos de atención que necesitan as persoas con DCA e as súas familias son suficientes para cubrir as súas necesidades.
Información e imaxe de Daño Cerebral Estatal.