- Ámbito
- Santiago de Compostela
- Data
Entre as usuarias deste recurso do Proxecto Rumbo atópanse 46 persoas con dano cerebral adquirido, residentes en zonas rurais, que non contaban con atención previa.
A ruptura asistencial que se produce trala saída do hospital debido á ausencia de sistemas continuados de rehabilitación integral é o primeiro obstáculo e a principal ameaza para o éxito de recuperación dunha persoa con secuelas tras un dano cerebral.
Co fin de dar resposta a esta situación, entre 2022 e 2024 Dano Cerebral Galicia puxo en marcha os servizos sociosanitarios de proximidade, un novo modelo de apoio e atención orientado a mellorar as posibilidades de vida independente das persoas con dano cerebral adquirido, e especialmente, das que residen en zonas rurais e teñen necesidades de coidados de longa duración.
Esta liña de actuación, desenvolta ao abeiro do 'Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva', beneficiou a un total de 681 persoas grazas ao labor realizado en tres grandes áreas: a atención terapéutica a domicilio en zonas rurais; as actividades de investigación e formación en centros residenciais non específicos da nosa discapacidade; e o programa de apoderamento das persoas con dano cerebral e as súas familias.
No caso das intervencións directas en residencias particulares, do que se beneficiaron 47 persoas (46 con dano cerebral adquirido e unha familiar) o obxectivo foi favorecer a autonomía persoal, previr situacións de dependencia e evitar a institucionalización non desexada de persoas con dano cerebral con necesidades de apoios e coidados de longa duración non cubertos polo actual sistema de atención.
A continuación desglosamos os principais detalles deste pioneiro recurso, resumido na seguinte crónica audiovisual.
Un servizo con varias etapas e alta demanda
A iniciativa arrancou en 2022 cunha fase de diagnose, baseada no mapeo dos recursos sociosanitarios existentes no territorio galego, o deseño e distribución de material informativo para difundir o programa nos espazos identificados (residencias, centros de día, centros sociocomunitarios, servizos sociais municipais e centros de saúde) e o traballo en rede.
Durante varios meses, o equipo de Dano Cerebral Galicia mantivo 147 reunións con axentes chave para a identificación e derivación de persoas con dano cerebral adquirido do medio rural e estableceu dúas grandes alianzas: cos catro colexios provinciais de farmacia, que facilitaron o envío da información a todas as farmacias galegas, e co Centro de Desenvolvemento Rural de O Viso (CDR O Viso), co que se asinou un convenio para ampliar a cobertura á comarca da Limia.
Trala campaña informativa, que suscitou unha alta demanda de solicitudes de admisión no servizo (con 85 peticións até xuño de 2024, das que 39 non cumprían criterios de acceso), comezou a fase de execución. As persoas admitidas no servizo foron valoradas polo equipo profesional (composto por dúas logopedas, dúas terapeutas ocupacionais e unha traballadora social), que estableceu para cada unha delas itinerarios de intervención e obxectivos de traballo terapéutico en domicilio mediante os PIA (Programa Individualizado de Atención).
A atención en domicilio, unha intervención interdisciplinar
Até o 30 de setembro de 2024, o equipo profesional de Dano Cerebral Galicia realizou 3.293 horas de atención en domicilio e percorreu preto de 100.000 km para facelo posible. A maioría das intervencións foron interdisciplinares, integrando tanto a terapia ocupacional, coa que se traballou a autonomía das persoas con dano cerebral adquirido, como a logopedia, centrada na mellora das secuelas comunicativas e da fala, aumentando a capacidade comunicativa e diminuíndo as dificultades na alimentación.
Ademais, en ambas disciplinas, facilitáronse produtos de apoio necesarios cando as persoas carecen deles (cubertos adaptados, asideros, abotonadores, engrosadores, sistemas alternativos ou aumentativos de comunicación etc.) e tamén se ofreceron sesións de psicoloxía e traballo social cando foi preciso.
De forma paralela, nalgúns casos tamén se prestou apoio ás familias na procura de recursos sociosanitarios dispoñibles na comunidade, na realización de trámites burocráticos (como solicitar os certificados de discapacidade ou dependencia) e púxose a disposición un servizo de psicoloxía prestado por algunha das asociacións de Dano Cerebral Galicia.
As beneficiarias, persoas abandonadas polo sistema
Os criterios de admisión nos servizos sociosanitarios de proximidade priorizaron aqueles casos nos que existían necesidades de atención non cubertas. Así, o común denominador de todas as persoas usuarias é carecer de recursos sociosanitarios e/ou asistenciais na súa contorna ou non poder acceder a eles por motivos económicos, de mobilidade e/ou dependencia dunha terceira persoa para desprazarse.
Atendendo ao perfil das beneficiarias con dano cerebral adquirido, 23 mulleres e 23 homes, cómpre sinalar que residen en 18 concellos das catro provincias galegas, situados no 98% dos casos en contornas rurais. O 82% delas son persoas con grandes necesidades de apoio e tamén a maioría, un 61%, teñen máis de 64 anos, o que as sitúa dentro da franxa etaria con maior prevalencia do dano cerebral adquirido. Ademais, nun 30% dos casos, as persoas coas que se realizou intervención están nunha situación de especial vulnerabilidade, xa sexa por risco de pobreza o exclusión social, pertenza a unha minoría étnica ou por violencia machista.
En conxunto, as intervencións xeraron unha melora no benestar físico, emocional e material tanto de persoas con dano cerebral, cuxas necesidades sociosanitarias non estaban a ser atendidas polo sistema, como das súas familias, que viron incrementada a súa calidade de vida e benestar psicolóxico.
Segundo as enquisas de satisfacción entregadas ás persoas usuarias do servizo, o 100% expresa sentirse 'satisfeita ou moi satisfeita' e contar con maior autonomía persoal, mentres que o 95,5% delas identifica unha mellora na súa calidade de vida. Ademais, no relativo á consecución dos PIA, alcanzouse o 64% deles.
Os resultados, un aval para a continuidade do servizo
A iniciativa, recoñecida como finalista nos IV Premios de Innovación Saúde da ACIS, desenvolveuse nun contexto no que a Administración non é quen de dar resposta ás necesidases de atención.
A pesar da vontade técnica e política para traballar na mellora destas graves deficiencias do sistema, con iniciativas como o Proceso Asistencial Integrado do dano cerebral adquirido, estamos lonxe de acadar a prestación dunha atención rehabilitadora integral que garanta a homoxeneidade, proporcionalidade e equidade da atención indistintamente da localidade de residencia, así como a continuidade asistencial, a multidisciplinaridade do servizos, a actuación no ámbito comunitario e a inclusión das familias das persoas con dano cerebral como destinataria dos programas de atención.
Por este motivo, os resultados obtidos durante a posta en marcha da atención terapéutica a domicilio cobran especial relevancia, evidenciando a necesidade de que as administracións públicas, e particularlamente a autonómica, garantan o financiamento necesario para o mantemento deste servizo.
Nese camiño, sería pertinente incluír algunhas melloras, como a súa descentralización en diferentes municipios de Galicia; a incorporación de máis perfís profesionais ao equipo sociosanitario; ou e establecemento de máis alianzas con institucións chave (especialmente, o SERGAS) para favorecer o coñecemento deste servizo á poboación diana.
Proxecto Rumbo
O ‘Proxecto Rumbo: cara a un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolta entre 2024 e 2024 por distintas confederacións do terceiro sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, Impulsa Igualdad, Daño Cerebral Estatal e AUTISMO ESPAÑA). O seu propósito foi impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente de persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
A iniciativa, que contou coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas, financiouse polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, ligado á súa vez aos fondos Next Generation da Unión Europea.