- Ámbito
- Galicia
- Data
As sesións, que se impartiron en 15 centros doutros tantos concellos, baseáronse na nosa guía Os Bolechas e na iniciativa Fast Heroes.
Un dos principais resultados do programa 'Infancia e mocidade cereborresponsable', executado en 2025, foi a formación de máis de 400 nenas e nenos de 15 centros educativos nas causas, consecuencias, identificación e prevención do dano cerebral adquirido. As crianzas, de ensino infantil e dos dous primeiros cursos de primaria, tiveron a oportunidade de participar en obradoiros prácticos, adaptados á súa idade e baseados en dúas iniciativas creadas para este segmento social: Fast Heroes e a guía 'Os Bolechas. Mireia conta que é o dano cerebral adquirido'.
Os heroes Fast para actuar canto antes en caso de ictus
Entre marzo e maio de 2025 organizamos seis obradoiros para nenas e nenos de 1º e 2º curso de ensino primario arredor de Fast Heroes. Estes heroes están centrados en sensibilizar para a prevención do ictus a través dos seus síntomas de alarma, incidindo na necesidade de actuar rapidamente ("fast") acudindo ao hospital canto antes.
Estes seis obradoiros tiveron lugar en cinco centros -CEIP Valle Inclán, CPI Terras de Maside (dúas edicións), CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, CEIP Plurilingüe Lousada e CEIP Manuel Fraga Iribarne- dos concellos de Muíños, Maside, Abadín, Guntín e Cariño -respectivamente-. Contaron cun total de 215 crianzas asistentes.
Os obradoiros de Fast Heroes divídense en cinco sesións, das que Dano Cerebral Galicia impartiu a primeira e a derradeira en cada un dos centros.
Mireia conta aos Bolechas que é o dano cerebral
En 2022 editamos, en colaboración con 'Os Bolechas', a 'Guía Mireia conta que é o dano cerebral adquirido', coa que comezamos a impartir charlas dirixidas aos nenos e nenas máis pequenas. En 2025 organizamos 10 obradoiros aos que asistiron 206 alumnos e alumnas de ensino infantil e 1º e 2º de primaria.
Entre febreiro e marzo visitamos os centros CEIP Plurilingüe Lansbricae, CEIP Ardán, CEIP San Salvador, CPI Ponte Carreira, CEIP do Bolo, CEIP Labarta Pose, CEIP de Muimenta, CEIP Teixeiro, CEIP Santa Eulalia de Dumbría e CPI Virxe da Saleta, nos concellos de San Amaro, Marín, A Arnoia, Frades, O Bolo, Zas, Cospeito, Curtis, Dumbría e San Cristovo de Cea.
Ademais, nas escolas de Frades e O Bolo desenvolvemos tamén dous obradoiros de boccia, cos que iniciamos ao alumnado neste deporte ao tempo que chamamos a atención sobre a necesidade de que o ocio sexa inclusivo.
E as adolescentes?
Ademais da información e sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, outra das patas deste programa é a concienciación sobre a necesidade de levar uns hábitos saudables para a prevención. Nese sentido, Dano Cerebral Galicia sentou as bases dunha iniciativa que en 2026 vai chegar ao público adolescente, dirixíndose ao ensino secundario (obrigatorio e posterior) e de formación profesional.
Con ese fin, en 2025 elaborouse un valioso material informativo en forma de banda deseñada, que se presentará publicamente moi pronto.
Apoio institucional
Todas estas actividades desenvolvéronse no marco do programa 'Infancia e mocidade cereborresponsable', que tivo financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.